Skip to main content
Lugo

Remata o primeiro Arde Lucus internacional deixando miles de imaxes para o recordo

Por 26 Xuño, 2023Sin comentarios

Unha nova edición do Arde Lucus chegou este domingo ao seu final, unha festa que por primeira vez luciu o distintivo de Festa de Interese Turístico Internacional e que non decepcionou.

As excesivas temperaturas marcaron a xornada do sábado, a de máis actividade, e a ausencia de choiva axudaron a ter unhas festas tranquilas e con vantaxe para as miles de persoas que saíron ás rúas caracterizados de romanos ou castrexos.

Lugo volveu retroceder ata a época dos romanos para revivir loitas e costumes da época entre dous pobos que acabaron entendéndose.

VALORACIÓNS DA ALCALDESA

“Cumpríronse as expectativas. Tal e como estaba previsto este Arde Lvcvs – o primeiro co recoñecemento de Interese Turístico Internacional – foi non só un éxito de participación senón tamén de convivencia”.

Nestes termos a rexedora lucence, Lara Méndez, facía esta mañá unha valoración inicial das festas de recreación histórica da cidade, “que nunha nova edición volveron ser un éxito, a pesares das altas temperaturas que tivemos estes días e que, en determinados momentos da xornada, puideron rebaixar a presenza de público nas rúas”.

Segundo a alcaldesa “o XXII Arde Lvcvs remata deixándonos un gran sabor de boca tanto no que ten que ver coa animación e dinamización nas rúas como a consecuencia que isto ten a nivel de revulsivo económico xa que a ocupación hoteleira e hostaleira foi moi boa”, afirmou Méndez.

“Tratouse, sen dúbida, novamente, dun Arde Lucus que non defraudou, no que se recolleron os froitos do traballo que durante todo o ano realizan as Asociacións para divulgar e potenciar os festexos e nos que quedou constatada unha elevada participación nas actividades e espectáculos organizados pero tamén a pé de rúa, como resposta ao reclamo e atractivo turístico e lúdico que ten o patrimonio material e inmaterial do municipio”, engadiu.

“Unha fin de semana de gran ambientación, que nos deixa dúas imaxes moi importantes, a dos establecementos comerciais e hostaleiros cheos, de novo, de actividade e a de miles de lucenses e visitantes gozando das nosas tradicións, compartindo a nosa historia e orixes, con múltiples escenas de confraternización que se viviron de xeito seguro e ordenado, converténdonos nun referente festivo, exemplo de convivencia”, resumiu Lara Méndez ao tempo que trasladou a gratitude do Concello polo comportamento exemplar e o civismo que imperou nestes días.

A alcaldesa incidiu nas importantes repercusións que tivo a celebración como inxección económica para a cidade a todos os niveis, “para a hostalaría especialmente, onde a ocupación rondou o 100% tanto na capital como nos arredores, sendo o primeiro sector máis beneficiado, pero tamén reverteu positivamente no comercio local e no resto de establecementos”, sostivo.

Da afluencia rexistrada, dá boa conta tamén a cantidade de lixo recollido polo servizo de limpeza viaria Luce Lugo e que neste 2023 ascendeu a un total aproximado de 400.000 kilos de refugallos, superando as cifras de 2022 (383.700 kg) e 2019 (358.720 kg).

Outro dos grandes indicadores é, sen dúbida, o alcance que tiveron as plataformas dixitais, xa que a comunidade das contas oficiais do Arde Lvcvs acadou este ano 47.270 usuario/as nun total de cinco redes sociais (o que supón un aumento dun 11’7% con respecto a 2022), estreándose en TikTok (alén de Facebook, Instagram, Twitter e Youtube).

Como principais mostras deste seguimento, figura que durante a campaña desta edición conquistáronse preto de 5.000 novo/as seguidore/as (4.955) con relación ao ano pasado, subindo, especialmente os da comunidade de Madrid.

Igualmente, e de xeito similar ao que sucedeu en edicións anteriores, o contido obtivo un alcance internacional chegando, a usuario/as de toda España, Portugal, Bolivia, Estados Unidos, Arxentina, Italia, Brasil, México, Reino Unido e Ecuador.

En total, o alcance das publicación das contas de Arde Lucus, desde xaneiro de 2023, superou a cifra de 600.000.

En canto ao perfil de Arde Lvcvs en TikTok, inaugurado nesta edición, superou as 30.000 visualizacións nas 18 publicacións compartidas e o cancelo #ArdeLvcvs acadou 386’3 K visualizacións.

A rexedora quixo, igualmente, poñer en valor o traballo realizado tanto por parte do Concello, dende a área de Xuventude e Deportes que dirixiu Mauricio Repetto, por todos e todas as técnicas municipais, así como o levado a cabo polas 19 Asociacións. “Un labor intenso e moi rigoroso, imprescindible, que avaliamos cun sobresaínte e que alén dos colectivos lucenses facemos extensivo a todas aquelas entidades que viñeron doutros lugares de España e que nos acompañaron, enriquecendo as nosas festas”.

Xa para concluír, Méndez puxo en valor o desfile escolar, como exemplo dunha das actividades máis consolidadas do Arde Lvcvs, “que demostra que a chama dos festexos perdura acesa e ten a súa continuidade asegurada, algo que para nós é fundamental en tanto denota que a esencia destas celebracións prendeu xa nas xeracións máis novas como parte do legado e do patrimonio que queremos respectar, protexer e conservar”, finalizou.

PARTIDO POPULAR

Os populares agradeceron a participación da cidadanía, tanto dos lucenses coma dos visitantes que se sumaron esta fin de semana no Arde Lucus, e felicitaron ás asociacións que fixeron posible esta festa de recreación histórica polo traballo que levaron a cabo, polas caracterizacións e o seu esforzo para que o evento fose un éxito.

O concelleiro Agustín Gallego manifestou que co ánimo de contribuir a mellorar e consolidar este evento presentará na Comisión de cultura unha iniciativa para que “a partir do Arde Lucus de 2024 a celebración se desenvolva nunha data fixa que non coincida co San Xoán”.

Para o concelleiro popular “o Arde Lucus precisa evolucionar xa que, se o que se ofrece é máis do mesmo, pode supoñer unha ameaza de cara ao futuro para manter no tempo este evento cultural e histórico” á vez que reclamaba que se fomente a participación da veciñanza”.

Os populares entenden que unha fórmula para facilitar a aportación de ideas sería a creación dunha comisión de seguimento do Arde Lucus onde “ademáis de coñecer os plans do goberno local sobre esta celebración considerada como festa de interese turístico nacional e internacional tamén se poderían fiscalizar con maior transparencia as contas das festas” .