Skip to main content
Ribeira de Piquín

Gómez Besteiro e Mogo vén en Ribeira de Piquín “o novo modelo do rural galego”

Por 30 Xuño, 2023Sin comentarios

O Concello contratará nos próximos meses a oito traballadores máis para este proxecto multidisciplinar que propicia o desenvolvemento económico e ecolóxico e ten beneficios sociais como a loita contra a despoboación e a prevención de incendios.

Os cabeza de lista para Congreso e Senado do PSdeG-PSOE por Lugo, José Ramón Gómez Besteiro e César Mogo, acompañaron ao primeiro edil de Ribeira de Piquín, Roberto Fernández Rico, e a parte da súa corporación, apoiando o seu proxecto multidisciplinar – piscifactoría, agricultura ecolóxica e gandeiría- con beneficios económicos pero tamén, nomeadamente, sociais, coma a loita contra a despoboación e a prevención de incendios. “Hai unha Galicia rural cun pulo económico, social e ecolóxico que traballa no presente para garantir o futuro. E Ribeira de Piquín, cun alcalde socialista ó fronte, é o mellor exemplo”, indicaron.

“Fronte ao sistema prefabricado e artificial das aldeas modelo que quere o PP, temos a Ribeira de Piquín, un concello de pouco máis de 500 habitantes que está a sentar as bases do novo rural galego. Por iso estamos aquí, comprometendo o apoio do Goberno de España a un proxecto único impulsado por un alcalde concienciado coa súa contorna que conta, ademais, coa colaboración dunha asociación como Asoporcel, que o sabe todo sobre calidade, sustentabilidade e crianza responsable”, sinalou Gómez Besteiro.

Fixar poboación fomentando o crecemento sostible é un modelo que a Ribeira de Piquín está a funcionarlle moi ben, como proba o feito de que nos próximos meses contratará a oito traballadores máis para atender as necesidades dos tres proxectos. Un exemplo extendible a toda a Galicia rural e que será o que Gómez Besteiro e César Mogo defenderán nas cortes estatais tralas eleccións do próximo 23 de xullo.

A acuicultura, a agricultura ecolóxica e a gandeiría son as tres patas deste modelo de desenvolvemento sostible, segundo explicaron.

Acuicultura

O concello comprou a piscifactoría abandonada tras o peche en 2013 da empresa que a xestionaba e xa está a producir troitas. Hoxe realizouse a terceira solta de ovas, que estarán listas para a súa comercialización en nove meses.

Agricultura

Polígono con máis de 15 hectáreas de superficie alugadas aos propietarios/ veciños de Ribeira de Piquín. Máis de 300 terreos diferentes que o Concello conseguiu unir nun mesmo proxecto de agricultura ecolóxica. A día de hoxe estase producindo kiwi atlántico en dúas hectáreas e, de forma paralela, poñeranse en marcha outros cultivos e a dotación de rega nos próximos meses.

Gandeiría

Produción de porco celta: carne de calidade grazas a exemplares criados de forma responsable en montes abandonados ou en desuso. Por agora son 10 hectáreas alugadas á comunidade de montes. O modelo de granxa empregado, patentado por Asoporcel, é único en España e consta de instalacións móbiles onde non hai cimentación, que permiten o seu traslado dun punto a outro do monte en moi pouco tempo. Do que se trata é de xestionar este proxecto dunha maneira sinxela e rápida.

Asoporcel iniciou tamén en Ribeira de Piquín un proxecto piloto de control individual por GPS, que permite coñecer en detalle a actividade de cada un dos exemplares. En breve o sistema ampliarase a todas as unidades. A asociación, que estivo presente esta mañá na visita dos candidatos socialistas, presentou hoxe mesmo a súa candidatura aos Premios Alimentos de España convocados polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación.

“No rural hai futuro económico partindo do respecto á naturareza”

As iniciativas que Gómez Besteiro e Mogo coñeceron in situ este mediodía xeran postos de traballo que axudan a fixar poboación nunha localidade como Ribeira de Piquín, cunha densidade poboacional de 7 veciños por quilómetro cadrado. Os candidatos socialistas, que estiveron acompañados polo alcalde e representantes da Asociación de Criadores da Raza Porcina Celta, comprometeron o seu apoio a este Concello “coma perfecto exemplo de que na poboación rural hai futuro económico partindo do respecto á natureza”, salientou César Mogo.

“Este pequeno-gran milagre ten os pes na terra, na de Ribeira de Piquín. Un TerrEo propicio para sementar futuro”, concluíron.