Skip to main content
Monforte

Critican o peche da planta de Medicina Interna do Hospital Comarcal de Monforte ata outubro

Por 14 Xuño, 2023Sin comentarios

Dende a Plataforma piden ao Sergas que aporte datos que “demostren que realmente sae rentable pechar unha planta de hospitalización no verán”.

A Plataforma en Defensa da Sanidade Pública (Pladesapu) de Monforte de Lemos critica o peche da planta de Medicina Interna do Hospital Comarcal ata o mes de outubro e a xerencia xustifica este peche a unha disminución da actividade asistencial durante o período estival.

Desde a plataforma explican que “non é unha novidade, xa que durante os últimos anos estase a pechar de xeito rotatorio unha planta de hospitalización cada verán, pero cada ano se adianta o peche e se retrasa a apertura, chegando este ano ata case os catro meses, nos que a planta non estará dispoñible, é dicir, 28 camas pechadas”.

Así, din que o argumento da xerencia “ten varios fallos”, e sosteñen que o que diminúe é a actividade quirúrxica programada, “polo cal só tería sentido que pechasen as plantas quirúrxicas”, din, e, por outra parte, argumentan que, durante o verán, a comarca sofre un importante incremento de poboación, “o que é directamente proporcional ao uso dos recursos sanitarios”.

Defenden que o peche obedece “máis ben a outras causas”, como distribuir o persoal do servizo pechado por outras áreas do hospital, “aforrando así os costes de contratar a máis persoal e perpetuando a precariedade laboral”.

Denuncian que a sobrecarga asistencial que hai no resto das plantas de hospitalización “acaba repercutindo no paciente, con tempos de espera máis longos á hora de ser atendido, e cun persoal sanitario sobrecargado”.

Por todo isto, dende a Plataforma piden ao Sergas que aporte datos que “demostren que realmente sae rentable pechar unha planta de hospitalización no verán, deixando a un hospital co 20 % das súas camas inutilizadas e un persoal exhausto debido a sobrecarga asistencial”, sentencian.