Skip to main content
Monforte

A Cata dos Viños da Ribeira Sacra desenvolverase no marco do Festival do Viño da Ribeira Sacra de Monforte

Por 26 Xuño, 2023Xullo 6th, 2023Sin comentarios

Estes vindeiros 29 e 30 de xuño terá lugar a XXVII Cata dos Viños da Ribeira Sacra e a súa gala de entrega de premios que celebra o Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeira Sacra.

Así, o día 29 terá lugar a pre-cata e o día 30 a cata final no Parador de Turismo de Monforte de Lemos; mentres que a gala de entrega de premios terá lugar o día 30 ás 14.00 horas no restaurante Bistró da cidade do Cabe. Nesta ocasión, participan 63 mostras de 26 adegas; 25 mostras corresponden a Viños Tintos, 12 mostras a Viños Brancos e 26 mostras a Outras Anadas.

Baixo o lema ‘Ribeira Sacra, proxecto común’, a cata dos viños da D.O. Ribeira Sacra “é un dos eventos máis destacados para promocionar os viños que se elaboran neste territorio e a D.O. conseguiu situar os seus viños nos máis altos estándares de calidade grazas ao traballo conxunto de viticultores e adegueiros que contribuíron a crear e manter unha paisaxe que nos fai únicos no mundo, ademais de dinamizar e dar valor ao noso rural xerando un sector que impulsa o crecemento económico doutros sectores, por iso este territorio e os nosos viños son un proxecto de todos, un proxecto común”, asegura o presidente do C.R.D.O. Ribeira Sacra, Antonio Lombardía.

Procedemento

Técnicos do Consello Regulador da D.O. Ribeira Sacra desprazaranse ás adegas participantes onde recollerán tres mostras ao azar de cada viño de entre o stock da adega. Posteriormente, un notario procederá ao embolsado, precintado e numerado das botellas, que permanecerán convenientemente custodiadas ata a celebración da Cata.

Así, o certame establece tres categorías: Viños Brancos, Viños Tintos e Viños doutras Anadas. Nas categorías de Brancos e Tintos establécense 3 premios: Medalla de Ouro, Medalla de Prata e Medalla de Bronce. Na categoría doutras Anadas entréganse tres medallas de ouro pola cantidade de mostras participantes nesta categoría.