Skip to main content
Cultura SARRIAXASarria

Abraham Cupeiro, pregoeiro do San Xóan: “Non hai máis patria que a infancia e levo Sarria sempre comigo”

Por 18 Xuño, 2023Xuño 19th, 2023Sin comentarios

Falamos con Abraham Cupeiro, músico, instrumentalista e compositor sarriao que dará o pregón das grandes festas de San Xoán de Sarria, que se celebrarán do 23 ao 27 de xuño

Cando comezou o seu amor pola música?

Eu comecei a sentir esta paixón pola música cando escoitaba música de diferentes estilos no coche do meu pai e medrei coa mente aberta cara a diferentes estilos de música. A nivel práctica, comecei en Meigas e Trasgos e na Banda de Música de Sarria, xa que non había conservatorios. Así, na Banda de Música comecei a miña traxectoria como musico profesional. Estas dúas son institucións ás que lle agradezo que estiveran aí para que a vocación se puidera levar a cabo.

A recuperación de instrumentos “perdidos” é o que lle define como artista, en que consiste?

Esa recuperación de instrumentos é unha necesidade que me xorde ao buscar estas esencias do pasado e é un pouco o punto que me define como artista. Pero saen diferentes disciplinas, non só se recuperan os instrumentos, senón que hai que compoñer a música para eles porque non existe. Eu fago algo novo e dáche pe a reproducir un estilo musical novo.

Construír instrumentos é a disciplina da interpretación: entender como funcionaban e facer un espectáculo que emocione á xente, que é a principal finalidade da música, xerar emocións en quen escoita.

Estudou trompeta e ademais é unha das poucas persoas capaces de tocar o Karnyx, podería dicirse que é a trompeta o seu instrumento preferido?

Non contemplo ningún instrumento como preferido porque cada un é un pincel diferente que nos axuda a debuxar as ondas sonoras de formas diferentes; o trazo pode ser máis fino ou máis groso, hai instrumentos que fan eses matices moi ben.

A pesar de non ter ningún preferido, si hai dous importantes: o karnyx, pola forma que ten e polo seu son evocador, e o único que non é meu, a Corna de Carlos Tallón, instrumento que lle dá veracidade ao meu proxecto musical e que foi atopado no monte Padriñán, que é como levar unha peza de museo polo mundo.

Cal foi o instrumento máis difícil de tocar?

Digamos que os instrumentos que máis me custaron son interventais e de orixe persa, por estar máis afastados do que estaba acostumado a facer. É facer soar e tamén aprender a falar con el. A intelixencia artificial pode aproximarse a estruturas claras, pero para aprender a falar cun instrumento necesitas capacidade orgánica humana. Unha vez que o dominas, é como andar en bicicleta.

Ten unha colección de máis de 200 instrumentos de todo o mundo, onde os recolleu e onde os ten gardados?

Os instrumentos funos recompilando polas viaxes que facía polo mundo e no 2006-2007 xa tiña unha colección decente de instrumentos, polo que decidín facer a miña primeira exposición no Vello Cárcere. A partir de aí seguín incrementando esta colección, que moitas veces está en maletas e adoitan ver a luz a onde vou tocar, xa sexa Finlandia ou Alacante.

Que proxectos ten de cara ao futuro en canto á música?

Cando constrúes instrumentos hai formas que quedan nun recuncho e gustaríame facer unha exposición de instrumentos experimentais que fun creando. Son esculturas sonoras e gustaríame que viran a luz para que a xente vira o proceso e que ás veces déixome levar e fago algo máis abstracto, que non ten unha finalidade clara, senón que é polo mero gusto de xerar formas que tes na cabeza e que co golpe do martelo van saíndo, como se fora unha exposición de arte.

Bota de menos o seu pasado ligado a Sarria?

Digamos que tampouco o boto tanto de menos porque sempre está dentro de min, convive comigo a diario. Non hai máis patria que a infancia e é algo que se queda dentro, non hai que estar alí presente, é como un bo amigo, se non nos vemos, as cousas están igual.

Hai anos tiven morriña, pero cando volvo si que me gusta recordar momentos de máis novo. É un punto cardinal que habita en min, pero que non necesito ir para acordarme del.

Este ano será o pregoeiro das grandes festas de Sarria, o San Xoán, como se sente?

É un orgullo para calquera sarriao que lle dean esta oportunidade de dicir algo no día das festas do pobo de San Xoán, pero tamén unha responsabilidade porque quero facelo ben.

Quen máis feliz está é a miña nai porque por fin vou pasar as festas con ela.

Vai dar un concerto ou ter algunha actuación proximamente na súa vila natal?

Non, en principio non porque están todos os compromisos deste ano saturados, e coido que para facer algo en todos os sitios hai que facelo con todo o respecto e cariño, e na túa vila hai que facelo de forma especial e o tempo é o que é. Se fago algo sen traballar prefiro non facelo, entón este ano en principio non.

Bota de menos algo na vila no aspecto musical?

Si que me parece cando menos un tanto estraño que na nosa vila, coa forza que ten na economía e nos músicos, non haxa un auditorio en pleno século XXI, non lle atopo ningunha explicación.

Falta un edificio que sexa digno para poder facer música, Abraham Cupeiro pode tocar en calquera sitio, pero non temos un auditorio ou teatro onde capitalizar todas as accións de proxectos que existen, teño ido a vilas que son unha cuarta parte de Sarria e teñen un auditorio.

Non só creo que deban ser as institucións quen o promovan, senón tamén a cidadanía debería facer ver que é necesario.

Ten contacto con asociacións musicais da súa vila?

Non teño relación, pero si sei que están nun momento moi curioso e bonito polas ganas de facer música e é algo que observo desde a distancia como algo que ten moita vida e vexo como a xente se xunta para xerar proxectos e desfrutar coa música, que é unha acción moi bonita, porque a música axuda a que a xente se sinta partícipe dun proxecto común. Aínda que non teña relación, teño admiración cara a ese movemento.

Algo máis que queira engadir?

O primeiro, agradecido por contactar comigo para darlle voz a este periplo profesional que nace na Rúa Maior do barrio máis bonito da vila. Eu sempre levo a vila por diante. E segundo agradecido á miña nai polo seu esforzo para que eu puidera ser músico.