Skip to main content
O Páramo

As Feiras de Primavera do Páramo acollerán durante a fin de semana a Feira de Gando Vacún e a Cabalar

Por 8 Xuño, 2023Sin comentarios

Esta fin de semana celébranse as Feiras de Primavera do Páramo na súa XLV edición, que acollerá diferentes actividades tradicionais e musicais, así como a exposición continua de maquinaria agrícola, artesanía e pintura, desde o 9 e ata o 11 de xuño.

A festa comezará o venres pola mañá, ás 10.00 horas, cando se lancen os foguetes e teña lugar a actuación do pasarrúas e grupos folclóricos ata ás 13.00 horas, cando se inaugurarán as Feiras a cargo das Autoridades Autonómicas, Provinciais e Locais.

Despois, ás 14.30 horas terá lugar o pregón a cargo de Jaime Lado Rodríguez, quen dará paso ao gran xantar oficial e conxunto no campo da feira. Pola tarde, os grupos folclóricos serán os protagonistas da xornada e o día rematará coa festa-verbena da man da orquestra Compostela.

Programa da fin de semana

O sábado, pola súa parte, será o gran día da Feira da Gando Vacún, na que terá lugar a presentación e exposición de gando vacún coa asistencia da raza rubia galega, apoiada por Acruga.

Ao mediodía será a sesión vermú e á tarde terá lugar, a partir das 17.00 horas, o desfile de gando vacún e a entrega de trofeos, que estará seguida da demostración de cetrería ás 19.00 horas e o día rematará coa festa-verbena coa orquestra Foliada.

Por último, o domingo 11 de xuño, será a quenda da Feira Cabalar, que comezará coa actuación de grupos folclóricos e a sesión vermú, que dará paso á tarde, na que haberá demostración de cetrería e, a partir das 18.00 horas, terá lugar o pase de domar cabalar con Duende Ecuestre de ‘Carracedo Burgos’. O día e as Feiras de Prmavera do Páramo rematarán coa orquestra Mar Azul.