Skip to main content
Abadín

Abadín: Nun puñado de votos

Por 1 Xuño, 2023Sin comentarios

Abadín seguirá a ser máis bipartidista que nunca xa que as únicas dúas forzas quedaron diferenciadas por 61 votos, pelexando polo último concelleiro.

CONCELLEIROS ELECTOS

◆ José María López Rancaño (PP)
◆ Mª Begoña Gaute Verdes (PP)
◆ Tania Rey Eimil (PP)
◆ Judit Anido Vigo (PP)
◆ Patricia Fraga Requeijo (PP)
◆ José Ramón Ramil Verdes (PP)
◆ Pablo Díaz López (PSOE)
◆ Miguel Á. Martínez Neira (PSOE)
◆ Sandra Otero Quende (PSOE)
◆ Vanesa Otero Fernández (PSOE)
◆ Luis Gómez Pérez (PSOE)

José María López Racaño seguirá sendo alcalde unha lexislatura máis malia o preto que estivo de perder o concelleiro que dá a maioría absoluta, que ao ter só dous partidos en liza, é máis doado. Os primeiros resultados daban como gañador ao PSOE pero a medida que se foi pechando o reconto, o alcalde foi manténdose como electo.

Finalmente foron 6 concelleiros para os populares e 5 para os socialistas e a diferenza marcárona só 61 votos. Rancaño leva perdendo peso na corporación desde o ano 2011 e estivo preto de rematar cos corenta anos como alcalde.

O que si tivo Abadín este ano foi unha baixa abstención para o habitual neste termo municipal. No 2019 esta foi do 37,9% mentres o domingo baixou ata o 26,5%.

Así que, con menos concelleiros pero co reparto de poder en maioría absoluta, o que xa é un dos alcaldes máis lonxevos da provincia seguirá á fonte do Concello aos seus 72 anos.

Co mel nos beizos quedou Pablo Díaz, que leva facendo fronte a Rancaño no terreo político varias lexislaturas e que este ano estivo moito máis preto de obter a Alcaldía. Durante os comicios protagonizouse unha das denuncias que se deron na provincia e foi contra Rancaño ao que se acusou de pedir o voto na xornada de reflexión.

Nesta nova lexislatura que comeza o alcalde terá por diante o reto de construír a residencia de maiores que prometou o ano pasado, unha obra que ten un orzamento de arredor de dous millóns de euros e que será sufragada ao 50% pola Xunta de Galicia.

Así mesmo, comprometeuse a continuar co asfaltado de camiños e vías municipais a cargo do Plan Único e Plan de Camiños da Xunta.