Skip to main content
Abadín

Abadín acolle a estrea da curtametraxe ‘O neno e a sombra’

Por 12 Xuño, 2023Sin comentarios

O mércores, día 14 de xuño, ás 20:00, terá lugar no salón de actos do concello de Abadín a pre estrea da curtametraxe de O neno e a sombra, actividade organizada pola asociación A Rumboia.

Manuel, un pai desesperado pola indiagnosticable mala saúde do seu fillo, acode a unha reputada meiga, Dona María, na procura dun remedio. Aguilloado pola situación, Manuel accede a tomar un bebedizo que lle ofrece a meiga. A beberaxe lévao a cruzar a fronteira da realidade cotiá e embárcao nunha arriscada viaxe a fonduras descoñecidas. Alí, é perseguido por unha forza escura, A Sombra. Coa guía duns inesperados aliados, Manuel enfróntase a ela para descubrir a fonte dos males do seu fillo e aprende como evitar que as tebras que nacen no interior enraícen inadvertidas, e se fagan co control da vida.

O obxectivo desta actividade é ofrecer ao público a oportunidade de visualizar unha obra audiovisual rodada na provincia de Lugo, que aborda temas como a tradición cultural, o patrimonio inmaterial ou os modelos de paternidade. Ademais, a proxección da curtametraxe será seguida dun coloquio no que se poderá debater e afondar sobre os temas presentados na obra, así como sobre o propio proceso audiovisual e as súas metodoloxías, dende o guión á distribución, pasando pola rodaxe e posta en escena.