Skip to main content
A Pastoriza

Unha vaca chea de lixo loce na Pastoriza reivindicando o coidado do medio ambiente

Por 21 Xuño, 2023Sin comentarios

Os estudantes do IES Fonmiñá da Pastoriza xa teñen exposto diante do concello, á vista de todos e todas, unha escultura para concienciar sobre a contaminación do medio ambiente, unha actividade de Comunicación de Guerrilla.

O alumnado de 3.º e 4.° participou nun obradoiro de Comunicación de Guerrilla, no que se lles ofreceu a posibilidade de crear algo para concienciar sobre o impacto da contaminación na Pastoriza.

Un grupo de alumnos e alumnas tiveron a idea de crear unha estatua dunha vaca na que inserir lixo recollido nos montes e ríos do concello, e un brick de leite que representase o impacto da contaminación na industria do leite e a gandaría, ambas moi importantes na zona.

Puxéronse mans á obra e capitaneados por Rocío, activista de Comunicación de Guerrilla, recolleron lixo, co que encheron a vaca, creada pola artista luguesa Ana Cabanes e deseñaron o brick de leite que crearon na imprenta.

“Esta merda é vosa” así reza o cartel que acompaña á escultura. Eles e elas mesmas reivindican a acción cun texto escrito nun gran cartón de leite que completa a instalación “Recollemos todo este lixo na contorna do río e nas cunetas e camiños da Pastoriza. Se queremos que o noso leite sexa o mellor, non podemos contaminar o noso Concello. Sen auga limpa, non hai leite boa”.

Esta acción de rúa foi ideada a través do proxecto europeo People & Planet: un destino común, impulsado polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, coa colaboración do propio concello. A idea é concienciar á xuventude sobre as graves consecuencias do cambio climático para que se convertan en axentes de transformación na procura dun mundo máis sustentable.

O punto de partida foi a participación desta rapazada nun obradoiro previo impartido pola Asociación Galega de Comunicación para o Cambio Social (Agareso) onde aprenderon non so as peculiaridades que usa a comunicación de guerrilla, senón tamén a temática a tratar: a auga como un dereito humano fundamental e a crise climática global.

A iniciativa #PeopleAndPlanet que botou a andar en novembro de 2020 e que se prolongará durante catro anos, busca tamén reforzar aos gobernos municipais na promoción de políticas a prol do desenvolvemento sostible, tendo en conta a interdependencia local-global. Procúrase así contribuír a implementar a Axenda 2030, en especial o ODS 13, que chama a adoptar medidas urxentes para loitar contra o cambio climático e os seus efectos. O plan está financiado polo programa DEAR da Comisión Europea e involucra a 19 entidades de Galicia, Portugal, Alemaña, Irlanda, Italia, Polonia, Romanía, Países Baixos e Cabo Verde.