Skip to main content
A Pastoriza

“Un dos proxectos máis importantes é o centro de día”

Por 25 Xuño, 2023Xuño 26th, 2023Sin comentarios

Darío Cabaneiro é o novo alcalde da Pastoriza, falamos con el sobre os proxectos para estes catro anos de goberno.

Con que obxectivos chega á Alcaldía?

Chego co obxectivo principal de cumprir o programa, ver as necesidades que ten a xente, estar en contacto cos veciños e poder axudar en todo o que precisen.

Rompe con moitos anos de Goberno de coalición. Cre que houbo un cambio na sociedade local?

Non, eu creo que a coalición non estaba funcionando e iso repercutía no concello e no día a día da xente e había queixas, iso quizais desencadeou os resultados electorais en onde nós saímos favorecidos.

Cales son os proxectos máis inmediatos?

O máis inmediato que estou facendo é continuar o labor de Elva e Primitivo, que era unha boa labor e fixeron un bo traballo. Un dos proxectos máis importantes é o centro de día, que é moi necesario xa que a xente maior do noso concello estase desprazando a outros limítrofes. Tamén hai que traballar nas estradas e vías que temos que atender, porque A Pastoriza é un concello cunha cantidade de quilómetros enorme de estrada, iso esixe un mantemento pero os presupostos e os medios que temos non van acorde con esa cantidade. Tamén hai outro problema e é que as dimensións e peso das maquinarias actuais non corresponde coa época na que se fixeron esas vías, que estaban pensadas parar tractores ou remolques máis pequenos, e témolas que adaptar aos novos tempos.

Outra problemática que temos importante é o tema eólico, no mapa eólico somos a primeira opción para todas as compañías e contamos xa con oito parques en funcionamento e doce en trámite. Ademais hai uns días recibín a información de que hai outros dous proxectos en marcha que repercuten nas zonas entre Riotorto e A Pastoriza polo que xa sería 14 en trámite. Polo tanto vou falar coas administracións para racionalizar un pouco todo esto porque nos sobrepasa.

Que necesidades ten A Pastoriza agora mesmo?

As necesidades do día a día, o tema de augas é moi importante porque temos unha cabaña gandeira tan grande que todo ten que funcionar á perfección entón é un tema no que estamos moi vixiantes para que todo funcione correctamente e non haxa ningún trastorno para os nosos gandeiros, e poidan ter subministro correcto.

Agora coa chegada do verán queremos por en marcha unha brigada para os incendios, na actualidade carecemos dunha motobomba e estamos facendo as xestión para tentar dispoñer dela na campaña deste ano.

Na campaña apostaba polo apoio ao sector agrogandeiro. Cales son os plans de traballo neste ámbito?

Na Pastoriza o problema que máis me sinalaron agricultores e gandeiros é o tema da reconcentración, houbo unha concentración nos anos sesenta pero xa se demanda unha reconcentración nalgunhas parroquias dado que as explotacións son moi grandes e convén seguir reconcentrando a propiedade para facilitar e reducir os custos de explotación. Tamén temos unha parroquia que quedara sen concentrar, Corbelle, que nos gustaría realizar alí unha xa que foi a única que quedou sen ela.

Ten pensado xa o reparto de responsabilidades no novo goberno?

Non, aínda non, máis ou menos si pero non está nada definitivo. Entre o segundo da lista e máis eu levaremos o forte do concello e despois delegaremos funcións entre os nosos concelleiros na medida que poidan eles tamén compatibilizalo coa súa vida profesional.

Promete ser unha transición tranquila?

Si, si, está sendo totalmente tranquila.

Cal é o sector que máis desenvolvemento ou atención precisa?

Na Pastoriza o sector agrogandeiro, sobretodo o lácteo, aínda que tamén o cárnico, pero no sector lácteo somos líderes en Galicia e polo tanto temos que procurar seguir séndoo e mellorando. No sector forestal temos unha problemática porque quedaron fincas plantadas fora do PXOM que non foron incluídas, entón temos que tentar dar solución a esa xente.

No referente ao tema industrial, que para min é fundamental, creo que no noso concello ten que haber unha transformación polo menos do leite que producimos e que o valor engadido desa transformación quede no noso concello a nivel de postos de traballo. Entón esta será a miña maior preocupación conseguir que algunha empresa láctea cunha base de cooperativismo se achegue á nosa zona a investir e tentar pola nosa parte facilitarlles o traballo para que na Pastoriza podamos ter unha industria que nos permita que o valor engadido da transformación do leite quede no noso concello.

Tamén temos un sector industrial da lousa, tamén moi importante, e no que hai a posibilidade de conseguir a implantación dunha nova fábrica con 30 ou 40 novos postos de traballo no noso concello. Estamos moi interesados en apoialos e conseguir estes novos postos de traballo para diversificar un pouco na Pastoriza e non depender tanto do sector do leite.

Gobernar en minoría é complicado. Cal é o principal reto desta situación?

Eu a verdade é que non penso moito nese tema, eu vou gobernar e explicareilles aos demais partidos o que vou facer e levareino a pleno cando sexa o momento. Evidentemente se é positivo para o noso concello eu espero que non me poñan ningunha traba nese aspecto, que eu penso que non porque eles tiveron que gobernar en coalición e saben o difícil que é. Se eles colaboran comigo seguiremos cara adiante e senón eles terán que tomar algunha outra decisión, pero en principio eu síntome tranquilo.