Skip to main content
As Pontes

Retómase nas Pontes este domingo a Marcha Cicloturista Vila das Pontes

Por 16 Xuño, 2023Sin comentarios

As Pontes acollerá este domingo a Marcha Cicloturista XXIII Clásica Vila de As Pontes Desafío Fragas do Eume, unha proba organizada polo Club Ciclista As Pontes coa colaboración do Concello.

Durante a presentación da proba, que tivo lugar esta mañá no Alto do Caxado, o segundo punto máis alto da provincia da Coruña, a concelleira de Turismo, Elena López agradeceu ao Club Ciclista das Pontes o seu compromiso co deporte pontés e o seu traballo para retomar, tras o parón provocado pola COVID-19, “unha cita obrigada no calendario ciclista non só da vila senón tamén da Comunidade Autónoma.

Pola súa banda, Marcos Fernández, presidente do Club Ciclista das Pontes afondou nos aspectos técnicos dunha marcha na que participarán 150 ciclistas, nas categorías masculina, feminina e parellas, e que partirá ás 08:30 horas da Avenida de Ferrol, no concello das Pontes, e que este ano transcorrerá pola comarca do Ortegal, achegándose ata os concellos das Somozas e Cerdido, Cedeira e Ortigueira para, a continuación, ascender ata Couzadoiro,Grañas do Sor e o Caxado para regresar ata As Pontes tras percorrer unha distancia total de 150 quilómetros e superar 2.324 metros de desnivel acumulado.

Elena Lopez animou á veciñanza a achegarse aos diferentes puntos polos que transcorrerá a marcha así como participar na saída da proba para animar as persoas participantes e gozar do mellor ciclismo en ruta.