Skip to main content
Vilalba

Presentan en Vilalba o libro Relatos de Cascarilla

Por 6 Xuño, 2023Sin comentarios

O venres 9 de xuño de 2023, ás 20:30 horas, na casa da cultura de Vilalba, o Instituto de Estudos Chairegos, en colaboración co Concello de Vilalba, organiza unha nova actividade: a presentación do libro Relatos de cascarilla: doce contos de xente da Coruña, de César Concheiro Guerrico, e editado polo grupo Beroly.

No acto intervirán Ramón Guntín, vicepresidente da Banda de Música de Vilalba; Beatriz Maceda, escritora; Laura Veleiro, ilustradora do libro; Bernabé Simes e José M. Yáñez, do Grupo Beroly, e César Concheiro, músico e autor do libro. Presentará o acto, Marisa Barreiro, presidenta do Iescha.

Relatos de Cascarilla achéganos ás vidas de distintas persoas que comparten como escenario a cidade da Coruña. No transcurso dos relatos acompañaremos aos protagonistas por ledicias e tristuras, por amores ou soidades, por tempos pasados e tempos por vir, e veremos como teñen en común algo máis que un lugar ou un tempo.

A necesidade de comprensión, agarimo e amizade ábrese paso encarnada nas persoas que desfilan ante nós, amosándose aos nosos ollos e ao noso entendemento como seres fráxiles, resistentes, efémeros e todos eles importantes.

César Concheiro Guerrico

Dedicado profesionalmente á música como intérprete e profesor, nos últimos tempos a súa creatividade manifestouse tamén na escritura, materializándose en textos de sinxelas formas mais con fondos contrapuntos.