Skip to main content
CervoCultura AMARIÑAXA

Dolores García Caramés: “Gustaríanos que Cervo sexa inclusivo e moi dinámico”

Por 8 Xullo, 2023Decembro 18th, 2023Sin comentarios
Por Ana Somoza López.

Dolores García Caramés é a nova rexedora de Cervo trala marcha de Alfonso Villares como conselleiro de Mar no Goberno galego. García Caramés, que xa foi a tenente de alcalde neste catro anos e número dous nas listas do PP nas eleccións, chegou á política cervense no 2015 cando sendo a número cinco naquela lista, pero o seu traballo e dedicación fixeron que Villares depositara a súa confianza nela. Nas eleccións do 2019, ademais de ser tenente de alcalde, fíxose cargo da concellería de Facenda, o que fixo que o concello está libre de hipotecas e das débedas herdadas por primeira vez en 35 anos.

Ser alcaldesa é unha responsabilidade. Que supón para vostede este reto?

Recoñezo que asumo este novo rol con certo vertixe pero con moita ilusión, con orgullo e con compromiso para seguir traballando polo meu pobo, polos meus veciños, e desde estas novas competencias.

O seu predecesor deulle algún consello?

Alfonso díxome que sigamos traballando como ata o de agora. Escoitando, estando coa xente, e estando presentes no día a día da veciñanza. Sendo un equipo e con Cervo como única prioridade. Creo que tiven o mellor mestre posible, e intentei escoitalo sempre e aprender del.

Conta con experiencia sendo tenente de alcalde e á fronte da concellería, seguirá nunha liña similar?

Si. O camiño xa o fomos trazando nestes anos de Goberno, e pretendemos seguir a mesma liña de traballo. O primordial é seguir dando resposta ás necesidades da veciñanza e estar ao carón do tecido asociativo. Así é como nos gusta traballar en Cervo e ao noso equipo.

Xa conta cun equipo formado, isto é unha vantaxe?

A verdade é que si. Neste momento tocoume a min coller o bastón de mando, pero teño ao lado un equipo de compañeiros excepcionais, desde o número 1 ao 7; hai algunha nova incorporación no Goberno, o que é moi positivo e ademais traerá con sigo ideas novas. Todos nos coñecemos, sabemos como traballamos, e o máis importante, coñecemos a realidade deste concello e as súas necesidades. Estou segura de que nos apoiaremos como equipo.

Cal será o seu primeiro paso como alcaldesa?

Pois estamos nun intre importante, no arranque da lexislatura, polo que agora é o momento de dividir as áreas de traballo pensando sempre no mellor para este Concello.

Nestes anos levou a cabo diferentes proxectos, non?

Si, ao estar en Patrimonio, puiden formar parte da recuperación da contorna das antigas fábricas de Sargadelos cun proxecto de emprendemento e temos en marcha a posta en valor do castro da Atalaia onde está proxectado o Centro Arqueolóxico da Mariña. No relativo á Educación e Cultura, levei a cabo os programas de conciliación, que son un signo de identidade deste Concello e xa estamos inmersos nunha nova edición do programa Cervo Concilia; tamén nas noites alternativas, nas actividades culturais , etc.

Pode debullarnos os seus proxectos inmediatos?

Temos proxectos moi fermosos por materializar e que xa quedaron encamiñados na anterior lexislatura, como son a construción da estrada das Quintas en Cervo ou a creación do Centro de Arqueoloxía na Atalaia, por exemplo. Seguiremos tamén tendo moi presente o noso rural, mellorando os servizos nas nosas aldeas, para intentar mellorar a calidade de vida dos veciños e das veciñas e tamén para facelas atractivas para o asentamento familiar e que sexa un pobo atractivo para posibles novas familias.

Como será o Cervo destes próximos catro anos?

Gustaríanos que Cervo sexa para todos, que sexa inclusivo, que conte con oportunidades, que sexa un municipio dinámico e con moita vida … Un referente en servizos públicos e nas políticas de conciliación familiar, que é como nos gusta facer as cousas.

Como é a súa maneira de traballar?

Farei política como me gusta, desde o respecto, desde a humildade e falando coa veciñanza. Creo que o meu traballo neste últimos anos á fronte da Concellería de Facenda, Cultura, Educación e Patrimonio e ao carón do tecido asociativo é un claro exemplo da maneira de traballar que teño.