Skip to main content
Trabada

Aberta a piscina municipal de Trabada na que haberá cursos de natación para nenos

Por 7 Xullo, 2023Sin comentarios

O Concello de Trabada abriu a piscina municipal, e estará en funcionamento de 11.00 a 21.00 horas. Haberá cursos de natación para os nenos e nenas que participen no campamento de verán e tamén para os adultos, en horario de 19.30 a 20.30 horas de luns a venres.

“Un ano máis, as dificultades para atopar socorristas pola normativa da Xunta de Galicia e a demora na comunicación da resolución de concesión da subvención retrasou uns días a apertura”, dixo a alcaldesa.

“A principios do mes de marzo solicitamos a concesión da subvención para a contratación do socorrista, pero non obtivemos a notificación da concesión por parte da Xunta ata o 14 de xuño, que incluía un prazo de contratación que remataba o 14 de xullo”, explica a alcaldesa de Trabada, Mayra García Bermúdez.

“Nese momento anunciamos a oferta de traballo, pero tivemos que ampliala cun segundo prazo, xa que no primeiro a oficina de emprego de Ribadeo non enviou ningún candidato”, engade a alcaldesa.

O problema desde fai varios anos en Galicia é que a normativa da Xunta esixe aos socorristas unha formación que non se demanda noutras comunidades autónomas, o que dificulta as contratacións. De feito, en Trabada, que limita con Asturias, vemos como socorristas titulados en Asturias non cumpren os requisitos en Galicia.

“Axilizamos todo o posible o proceso, pero a problemática foi a mesma que en anos anteriores e a Xunta non establece os mecanismos necesarios para solucionala”, apunta García Bermúdez.

A alcaldesa sostén que “dende o Concello intentamos por todos os medios todos os anos abrir a piscina o antes posible, unhas instalacións prioritarias para nós, de feito en setembro imos facer novas obras de mellora, que se suman ás que fixemos dende que chegamos ao goberno”.

“Arranxamos o muro, por exemplo, xa que o PP deixounos unhas instalacións que non eran seguras e poñían en risco a seguridade dos usuarios”, remata García Bermúdez.