Skip to main content
Monforte

Case 36.000 euros para mellorar as rúas Fontecha e Tomás Vázquez de Monforte

Por 7 Xullo, 2023Xullo 8th, 2023Sin comentarios

As rúas Fontecha e Tomás Vázquez de Monforte están sendo melloradas en canto ao seu firme, tal e como informou o alcalde, José Tomé, quen indica que estas obras están enmarcadas dentro das actuacións que o Concello está a desenvolver en vías de titularidade municipal e no proxecto de obras de mellora en 13 vías de urbanas e rurais que deu a coñecer hai unhas semanas e que contan cun investimento total de 297.800,63 euros.

O rexedor de Monforte destaca que “iniciamos así neste novo mandato o desenvolvemento dun ambicioso programa de mellora de infraestruturas viarias da nosa cidade e das nosas parroquias, porque este é un compromiso que teño adquirido cos monfortinos e coas monfortinas dende o principio do meu mandato e non esquecemos a ningunha parroquia nin a ningún barrio de Monforte de Lemos”.

Así, as rúas Fontecha e Tomás Vázquez presentan un firme que aconsella unha actuación completa de renovación do mesmo, sendo necesario proceder ao fresado dos entronques iniciais e finais de ditas vías, previamente á colocación dunha nova capa de rodadura de aglomerado en quente. Por isto, nestas dúas rúas estase fresando o firme, así como se está a facer o barrido do firme nas zonas afectadas por medios mecánicos.

Obras

O asfaltado do firme farase con aglomerado en quente tipo D-12 de 5 cm de espesor e tamén se realizará o recalce das tapas de rexistro en calzada en dado de formigón. Ademais, nestas dúas rúas, procederase ao pintado de marcas viais, incluídos os símbolos e cebreados con pintura reflexiva e microesferas de vidro.

Trátase, polo tanto, dunha renovación completa do pavimento de máis de 300 metros lineais, concretamente, 105 metros na Rúa Tomás Vázquez e 201 metros na rúa Fontecha.

O orzamento total destinado a estas dúas actuacións é de 35.840,41 euros, sendo destinados 13.699,42 euros á rúa Tomás Vázquez e 22.140,99 euros para a Rúa Fontecha.

O rexedor monfortino resalta que “isto supón a continuidade do desenvolvemento dun ambicioso programa de melloras de infraestruturas urbanas e da rede viaria da nosa cidade e das nosas parroquias, porque este é un compromiso que eu como Alcalde teño adquirido cos monfortinos e coas monfortinas e que veño de renovar tras o respaldo acadado nas recentes eleccións municipais, e no que non esquecemos a ningunha parroquia, nin a ningún barrio de Monforte de Lemos.”