Skip to main content
Monforte

Un cartel “no que predominan as cores alegres” para representar as Festas Patronais de Monforte

Por 11 Xullo, 2023Xullo 12th, 2023Sin comentarios

O Concello de Monforte xa ten cartel para as vindeiras Festas Patronais da cidade, que terán lugar do 11 ao 16 de agosto de 2023 despois de elixir o deseño gañador da vixésimo oitava edición deste concurso de carteis.

Así, o cartel gañador foi o do deseñador murciano Rubén Alejandro Lucas García baixo o nome de ‘Alegría’, que xa gañou o concurso de carteis das Festas Patronais de 2021 e cuxo cartel foi presentado polo alcalde de Monforte, José Tomé Roca, xunto coa cconcelleira de Cultura, Ensino e Xuventude, Marina Doutón.

Rubén Alejandro Lucas recibirá así un premio de 1.000 euros, “unha cantidade coa que retribuír o esforzo, o traballo e a dedicación da persoa que resultara gañadora”, explicou o alcalde de Monforte.

Obras que se presentaron ao concurso

En total, ao concurso deste ano presentáronse 15 traballos artísticos e a maioría foron elaborados por veciños e veciñas de Monforte; 9, en concreto. Tamén chegaron propostas doutras localidades galegas, en concreto, dende Escairón, Castro Caldelas ou A Coruña.

Con respecto aos que se presentaron de fóra de Galicia, foron 3 os traballos achegados desde Murcia, sendo un deles finalmente o seleccionado.

Todos os carteis que se presentaron a concurso, as 15 obras, serán expostos do 7 ao 24 de agosto na Casa da Cultura de Monforte e unha vez remate dita exposición, os autores non premiados poderán retirar os seus carteis se así o desexan.

Elección do gañador

A elección do cartel que o xurado considerou como gañador “é un deseño no que predomina a estética colorista e no que predomina as cores alegres, especialmente os vermellos e azuis. Creo este cartel é unha explosión de alegría e cor, moi necesaria tras a pandemia. Ademais, o cartel recolle as datas de celebración das Festas, enmarcado por un “M” maiúsculo, inicial da nosa cidade, Monforte de Lemos”, explica o alcalde.

Así, sostivo, “arredor dese elemento central, nesa explosión de cor sinalada, plásmanse os principais elementos que protagonizan as nosas festas, así como os lugares máis representativos da cidade: a Virxe de Montserrat, os fogos artificiais, os gaiteiros, a Ponte medieval e o río Cabe, os Escolapios, a Praza de Abastos, a Praza de España, a Casa do Concello, esculturas de personaxes históricas, o ferrocarril, ou o conxunto histórico de San Vicente”.

“Polo tanto”, resumiu José Tomé, “o cartel aúna a tradición da festa cos elementos icónicos da nosa cidade, integrados todos eles a través dos xogos de cores. Polo tanto, configúrase coma un cartel cheo de dinamismo e cor, que evoca a vitalidade das nosas festas”.