Skip to main content
Monforte

As persoas estudantes interesadas en percibir as axudas ao transporte en Monforte poden facelo ata o 31 de xullo

Por 20 Xullo, 2023Xullo 21st, 2023Sin comentarios

O prazo de presentación da xustificación para a percepción das axudas ao transporte 2022-23 de estudantes universitarios e de ciclos de formación rematará o luns 31 de xullo de 2023.

Poden optar a estas axudas para os gastos de transporte público ás distintas universidades o alumnado universitario empadroado no Concello de Monforte, así como o alumnado de ciclos medio e superior de Formación Profesional e Bacharelato que teñan que desprazarse fóra do Concello de Monforte, por non existir oferta formativa do ciclo ou bacharelato elixido neste municipio, ou non ter obtido praza na oferta local no curso.

Apoio social do goberno local de Monforte

Neste senso, o alcalde, José Tomé Roca, indica que “con esta liña de axudas, que incrementamos en 5.000 euros con respecto ao mesmo período do ano anterior, e en 11.000 euros con respecto ao ano 2021; contribuímos a facilitar os desprazamentos daqueles estudantes monfortinos que cursan estudos fóra do noso concello, ben sexa no ámbito universitario, ben noutro tipo de disciplinas que non se ofertan na nosa cidade”.

Así, sostivo que “o noso compromiso coas políticas sociais é firme, e neste caso, somos conscientes das necesidades que os nosos estudantes teñen á hora de desprazarse fora dos seus fogares e da súa cidade”.

Trámites para a xustificación e percepción das axudas

Para percibir estas axudas os beneficiarios deberán presentar os billetes ou bonos do medio de transporte utilizado no que consten, de forma lexible, a data do billete ou bono, o percorrido e o importe da viaxe ou factura da empresa de transporte utilizado.

O percorrido referirase ao transporte dende Monforte ata o lugar no que se realice o curso, calquera variación na ruta seguida deberá explicarse na xustificación.