Skip to main content
Monforte

O programa completo de actividades das Festas Patronais de Monforte foi presentado ao público

Por 25 Xullo, 2023Agosto 28th, 2023Sin comentarios

O goberno local de Monforte presentou o programa completo das Festas Patronais 2023 que terán lugar entre o 11 e o 16 de agosto, “unhas Festas Patronais que manteñen a esencia que tiveron nos últimos 8 anos, con 5 concertos principais na explanada da Compañía, todos eles acompañados de orquestras”, explicou o alcalde de Monforte.

Así, José Tomé Roca, acompañado pola tenente de alcalde, Gloria Prada, e a concelleira de Cultura, Marina Doutón, recordou que foi no mes de maio cando se anunciaron os concertos musicais das festas e sinalou que “estamos convencidos de que os concertos programados van ser capaces de encher o recinto das Festas, debido á calidade das actuacións e tamén debido ó variado dos estilos musicais”.

O inicio das Festas terá lugar o 11 de agosto coa lectura do pregón, a cargo do maxistrado monfortino Edgar Amando Cloos Fernández e, tras o lanzamento do foguete e o encendido da iluminación artística, haberá unha actuación musica na praza da Compañía da man de Lucía Pérez, ás 00.00 horas. E tras el, actuará o grupo monfortino Malenne, ás 02.00 horas.

Aínda así, explicou o alcalde, “a praza de España non quedará valeira o día 11, xa que actuará a Banda de Acordeóns dos Xograres de Lemos”, concluíu.

PROGRAMA MUSICAL DAS FESTAS PATRONAIS

O venres, 11 de agosto, comezará a xornada co pregón ás 20.30 horas na Casa do Concello, seguido do concerto da Banda de Acordeóns O Folión dos Xograres de Lemos na Praza de España ás 21.30 horas. Xa ás 00.00 horas actuará Lucía Pérez e ás 02:00 horas Malenne, ámbolos dous na praza da Compañía

Pola súa parte, o sábado día 12 ás 23.00 horas actuará a Orquestra de Saxos de Redondela, na praza de Esapaña e Deloreans, na praza da Compañía á mesma hora. Mentres, Mikel Erentxun actuará ás 00.00 horas na praza da Compañía e ás 01.30 horas farao Gin Tonic’s, na praza da Compañía.

O domingo, ás 22.30 horas será a quenda do Grupo América de Vigo, na praza da Compañía e ás 23.00 horas actuará a Orquestra de Música do Conservatorio Mestre Ibáñez do Concello de Monforte, na praza de España. Xa ás 00.00 horas será a actuación da Orquestra Panorama na praza da Compañía e ás 02.00 horas pararán para descansar mentres toca o Grupo América de Vigo na praza da Compañía e logo a Panorama volverá ás 03.15 horas.

Xa o luns, día 14, Gallaecia Big Band acutará na Praza de España ás 23.00 horas, mentres que a Orquestra Galilea farao á mesma hora na praza da Compañía. A praza da Compañía tamén acollerá o concerto de Antonio José ás 00.00 horas e volverá a Orquestra Galilea ás 01.30 horas.

O martes, día 15, ás 20.30 horas terá lugar unha mostra de danza e música tradicional na praza de España, ás 23.00 horas actuará o Grupo Tekila na praza da Compañía, ás 00.00 horas terán lugar os fogos de artificio dende San Vicente e ás 00.30 horas virán as Tanxugueiras na praza da Compañía. Por último, ás 2.00 horas actuará o Grupo Tekila, na praza da Compañía.

Por último, o mércores día 16 ás 23.00 horas actuará a orquestra Ritmo Joven na praza da Compañía e ás 00.00 horas terán lugar os fogos de artificio de auga sobre o río Cabe. Xa ás 00.30 horas, Luz Casal actuará na praza da Compañía e ás 02.00 horas será a quenda da Orquestra Ritmo Joven na praza da Compañía.

Tamén durante a celebración das Festas Patronais, terán lugar as actuacións, entre outros, o grupo Batucada Creativa, Os Xograres de Lemos, a e o grupo Batucada Baturruca, que amenizarán coas súas actuacións as tardes e noites das festas.

OUTROS EVENTOS DESTACADOS

O martes 15, Día da Patroa, a Virxe de Montserrat, terá lugar na igrexa da Régoa e a comitiva institucional encabezada polo alcalde sairá do Campo de San Antonio ás 10.30 horas para celebrar a misa celebrarase ás 11 horas. Neste senso, o alcalde espera “que o próximo ano 2024 xa se poderán celebrar en San Vicente o Martes de Pascua e o 15 de agosto”.

Tamén ese martes 15 de agosto terá lugar o Día do Gaiteiro, no que alboradas de grupos de gaitas sairán pola mañá e percorrerán diferentes rúas da cidade. Pola tarde, na Praza de España terá lugar a Mostra de Danza e Música Tradicional na praza de España. Pola noite, antes dos Fogos de San Vicente e as actuacións musicais, as Barcas tradicionais engalanadas farán un percorrido polo río Cabe, a partir das 23.30 horas.

O Programa das Festas tamén inclúe a oitava edición do Festival Cómico Festivo ‘A Rúa é Vosa’, os días 12, 13, 14 e 16 de agosto, e terá como escenarios a Praza de España e a rúa Cardeal. O programa deste festival contará coa participación de 6 grupos, e os protagonistas serán a música, a maxia, as acrobacias aéreas, os paiasos, os monicreques, o mimo, o circo e a danza.

O alcalde sostivo que “cumprimos co noso compromiso de seguir organizando cada ano unhas Festas Patronais acordes co que merece a nosa cidade e tamén acorde co que necesita o noso tecido produtivo como é o comercio, a hostalería e todo o relacionado co mundo do turismo porque son un revulsivo económico que permite que moitas pequenas empresas garantan a súa pervivencia pola actividade económica que desenvolven durante o verán”.

Ademais, anunciou que as Festas de todos “tamén se escenifican no alumeado, onde se van colocar 255 arcos en 64 rúas que abarcan todos os barrios da cidade, con 1 millón de luces LED”. José Tomé concluíu a súa intervención desexando a todos os monfortinos e monfortinas unhas felices Festas, e tamén a todos aqueles que visitan o Concello, e animounos a todos a participar e a disfrutar activamente nelas.