Skip to main content
As PontesDeportes TERRACHÁXA

Finaliza con éxito nas Pontes o segundo Training Technical Campus

Por 6 Xullo, 2023Sin comentarios

O 2º Training Technical Campus As Pontes, organizado nesta localidade pola Federación Galega de Motociclismo en colaboración co Concello celebrouse cun gran éxito, tanto en canto a participación, como en canto á satisfacción de participantes e a organización.

O Campus, que se desenvolveu no Circuíto das Pontes, estivo baseado en formación deportiva, técnica e mecánica, e contou cunha participación moi destacada, mellorando en varios aspectos a experiencia da primeira edición.

Os encargados de realizar a formación, foron a Escola de Pilotos MVR, (Martín Vázquez Racing), no apartado de motos, e Squadra School, no apartado de Karting.

No apartado de moto, os monitores foron a piloto mundialista española María Herrera, que é a muller que conseguiu máis puntos no Mundial de MotoGP e que na actualidade compite no Mundial de MotoE, e o experimentado piloto portugués André Pires, que foi varias veces Campión de Portugal, en diferentes categorías.

Ademais da formación técnica e práctica ofrecida por uns monitores de tanto nivel, realizouse unha formación técnica de pneumáticos, suspensións e xeometrías, unha actividade que se desenvolveu tanto en aula como en pista, e que foi impartida polo experto en pneumáticos Carlos Martínez e por Paco Carro. No apartado de motos, ao longo dos 4 días que durou o Campus, recibiron formación en aula 16 alumnos, e outros 18 en pista.

En canto ao karting, a formación mecánica correu a cargo de Miguel Falcó, un técnico especializado en mecánica e motorización, que conta con diversos títulos no seu haber, sendo na actualidade un referente no mundo do kart, tanto a nivel nacional como Internacional. No apartado de pneumáticos contouse coa participación de Hakinm Ordóñez, un técnico especialista da empresa RodaKart. Como complemento ás clases teóricas e técnicas, contouse coa participación de tres pilotos de Karting como monitores en pista. No apartado de Karting ao longo dos 4 días que durou o campus, recibiron formación en aula 16 alumnos e outros 11 en pista.

A participación, con asistentes chegados de diferentes comunidades, chegou a 61 alumnos, atendidos por 6 docentes e monitores. Respecto a a participación, destaca a asistencia de 8 nenas, 7 en moto e unha en karting.

Ademais da formación en mecánica e técnica, desenvolvéronse outras actividades complementarias, necesarias para formarse como deportistas de elite, como a nutrición deportiva, o aspecto físico funcional e a psicoloxía deportiva.

Ademais da actividade formativa houbo tempo para o lecer e o divertimento, no que as e os participantes, gozaron do circuíto de pump track , partidos de futbol 7 e baño no lago das Pontes.

Ao finalizar, a concelleiro de Deportes do Concello das Pontes, Elena López, e o presidente da Federación Galega de Motociclismo, José Canda entregaron os diplomas de asistencia.