Skip to main content
Ribadeo

O Concello de Ribadeo incentivará ás empresas que contraten a alumnas do obradoiro Vilas Coidadoras

Por 10 Agosto, 2023Sin comentarios

O Concello de Ribadeo incentivará ás empresas que contraten ás alumnas do obradoiro dual Vilas Coidadoras, segundo anunciaron o alcalde, Dani Vega, e a concelleira de Promoción Económica, Marta Saiz. O prazo de solicitude está aberto ata o 30 de agosto. 

O rexedor manifestou: “sempre dixemos que Ribadeo necesita empresa e tamén sempre dixemos que a través da formación é onde se garante un emprego de calidade. Por iso, dende o Concello imos incentivar ás empresas que están interesas en formar e en crear emprego. Son unhas axudas, que chegarán a 1.500 euros para contratar aos alumnos dos obradoiros de vilas coidadoras”.

Dani Vega sinalou que “dende a Concellería Promoción Económica e Iniciativa Empresarial están a desenvolver toda unha ampla información para que as empresas se poidan inscribir e poidan contratar e o que é máis importante, xerar emprego”. 

Marta Saiz, a concelleira de Promoción Económica, explicou que “as empresas interesadas recibirán unha axuda de 1.500 euros por cada contratación que realicen nas ocupacións ou postos de traballo vinculados ás especialidades nas que se formaron as alumnas: atención socio-sanitaria, persoas dependentes en institucións sociais, dinamización, programación e desenvolvemento de actuacións culturais”.

A edil seguiu a relatar que “as contratacións deberán ser a xornada completa por un período mínimo de 3 meses e terán que formalizarse nos quince días seguintes á conclusión do Obradoiro Dual, que está previsto que remate o vindeiro 18 de setembro”. 

Marta Saiz subliñou que “se trata dunha oportunidade para as alumnas que rematen a formación que recibiron ao longo de doce meses e permitiralles incorporarse ao mercado laboral así tamén como para as empresas que desexen acollerse a este programa. As bases da convocatoria están dispoñibles no taboleiro de anuncios do Concello de Ribadeo. Para más información, poden tamén contactar coa Área de Promoción Económica”.