Skip to main content
Becerreá

O PP esixe a PSOE e BNG que “abran xa a residencia, unha infraestrutura fundamental para Becerreá”

Por 6 Agosto, 2023Sin comentarios

O voceiro do Grupo Provincial Popular, Antonio Ameijide, esixe ao presidente da Deputación de Lugo, José Tomé, a finalización das obras e a posta en marcha da residencia de Becerreá, “unha infraestrutura fundamental para a comarca da montaña luguesa” xa que a súa oferta é de 136 prazas (96 de residencia e 40 de centro de día).

O voceiro popular fai esta reclamación despois de manter un encontro con membros do PP de Becerreá, entre os que se atopaba o voceiro popular neste municipio, José Fernández Carrete, que explicou a “importante necesidade” de que se abra no menor prazo de tempo posible esta residencia.

Neste senso, os deputados populares explican que pedirán ao goberno provincial o remate das obras e a apertura da residencia. Segundo os datos aos que tiveron acceso os populares, aínda falta por rematar a cociña, mobiliario e rematar os traballos para conectar o edificio á rede eléctrica, ademais de que a Deputación de Lugo solicite á Xunta o PIA.

Ameijide recorda que para o Partido Popular a residencia de maiores de Becerreá sempre foi unha prioridade e “aí están todas as iniciativas que defendemos na Deputación para acadar prazos concretos e compromisos para a apertura desta infraestrutura, pero o tempo demostro que para quen non é unha prioridade é para José Tomé e o PSOE, seguramente como vinganza polas leas internas que tiveron no partido socialista hai varios anos, non é de recibo que as vendetas do PSOE as teñan que pagar os veciños de Becerreá e toda a comarca”.

Os populares amosaron a súa preocupación ante a falta de avances na apertura da residencia de Becerreá, polo que valorarán a posibilidade de elevar a pleno unha nova iniciativa para acadar un compromiso real do goberno provincial xa que “cando dende o PSOE necesitaron os votos do PP para apoiar a construción desta residencia tivemos altura de miras e votamos a favor desta residencia, polo que seguiremos defendendo o seu remate e posta en servizo”.

Pola súa banda, o voceiro popular en Becerreá, José Fernández Carrete, amosou a súa preocupación pola falta de avances na apertura desta infraestrutura que, recordou, “é fundamental para a comarca e os seus veciños” xa que “vivimos nunha zona na que hai moita xente maior, polo que precisamos deste tipo de dotacións. Instamos á Deputación de Lugo a que teña altura de miras e pense nos veciños de Becerreá e a comarca, que teñen dereito a este servizo de proximidade e que todos merecemos”.