Skip to main content
BaleiraGuntín

A Deputación aproba un investimento de 200.000 euros para a mellora de estradas provinciais na Montaña e en Guntín

Por 11 Agosto, 2023Sin comentarios

A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo aprobou este venres un investimento de preto de 200.000 euros para continuar mellorando a rede de estradas provinciais con dúas actuacións, unha na comarca da Montaña e outra no Cinto Comarcal ao seu paso polo concello de Guntín.

Así o explicou a Voceira socialista do Goberno provincial, Pilar García Porto, quen concretou que, por unha banda, na reunión do Executivo de hoxe quedaron adxudicadas en 120.000 euros obras para a renovación do firme da estrada LU-P-4606, que vai de Rioxoán, por Boel, Chao do Pousadouiro e Carballido, a Asturias. Polo tanto, subliñou García Porto, unha vía “moi importante para a zona, e sobre todo para a veciñanza dos concellos de Baleira e de Ribeira de Piquín”.

Os traballos, que acometerá a empresa Desarrollos y Metas SL, afectan a un treito de algo máis de 7 quilómetros, entre o punto quilométrico 15,980 e o 23,130, e teñen un prazo de execución de 27 días.

O proxecto consiste na reapertura de cunetas, a reposición de pavimento con aglomerado en quente e a sinalización.

Por outra banda, segundo informou a Voceira, a Xunta de Goberno aprobou a declaración de emerxencia dunhas obras valoradas en practicamente 70.000 euros para a restitución e o mantemento do firme do Cinto Comarcal ao seu paso polo concello de Guntín, en concreto, no quilómetro 24,200. Esta actuación é necesaria para arranxar a rotura do terraplén que sostén a plataforma da vía como consecuencia de inclemencias meteorolóxicas. A empresa Grupo Bascuas 2008 SL será a encargada de acometer de maneira inmediata os traballos, que teñen un prazo de execución aproximado dun mes.