Skip to main content
Lugo

“A Sociedade Filarmónica é unha das expresións culturais máis importantes”

Por 27 Agosto, 2023Agosto 28th, 2023Sin comentarios

Antonio Prado, historiador lucense, profesor de Historia e escritor, vén de publicar unha obra pola conmemoración dos 50 anos deste colectivo.

Comezando polos inicios, quen é Antonio Prado Gómez?

Antonio Prado é un lugués profesor de Historia durante moitos anos no Lucus Augusti, antes en Sarria, que se dedicou á historia desde que rematou a carreira de Filosofía e Letras. 

Como xorde a súa paixón pola historia en xeral e pola de Lugo en concreto? 

Por que investigar sobre Lugo, que é o que fixen en toda a miña vida profesional? Porque Lugo era a miña cidade e sempre tiven a intención de facer unha tese de doutoramento sobre a cidade e grazas aos meus contactos e conversacións con Ramón Villares, puiden facela sobre a Deputación de Lugo, que no século XIX era unha institución que dominaba todo o ámbito local en cuestión de economía, administración, exército e tamén en cuestión de cultura e a partir de aí descubrín que Lugo fora a cidade onde se implantou o primeiro Instituto Liberal no 1842. 

Por que en Lugo?

Porque en Lugo había unha sociedade económica activa, había un grupo liberal activo e había un apoio persoal que era o do Marqués de Rodil, un lugués de Castroverde que, nese momento, era presidente do Consello de Ministros. Neste caso influíu para que viñera aquí o primeiro Instituto Liberal de Galicia, o que hoxe se chama Lucus Augusti.

A partir de aí empezou o meu interese por descubrir a historia  do instituto e como resultado publiquei un vídeo sobre iso hai 15 anos máis ou menos. Despois do instituto, a miña opción cultural máis importante, o que máis me atraia coñecer desta cidade, é esta institución na que estamos agora, o Círculo das Artes, porque é a sociedade que desde 1855 marcou a vida cultural e recreativa da cidade de Lugo. O Círculo das Artes foi ata fins do século XX a única sociedade que mantivo un ritmo cultural enorme e que foi referente recreativo e cultural de todos os lugueses. Entón, empecei a facer a historia, aínda inédita, desta casa que ten moito que dicir. E esas son as tres liñas principais de investigación, que están enlazadas: primeiro Lugo, logo a Deputación, o instituto e o Círculo das Artes.

Por que esta liña da cultura?

Porque cada vez que lía algo da historia contemporánea de Lugo dicía que Lugo fora un baleiro cultural e non é certo. É dicir, Lugo desde mediados do século XIX, cando asume a súa conformación como capital de provincia, ten polo menos dúas vertentes culturais importantes. Unha delas é o xornalismo, non podía ser un baleiro cultural unha cidade que a fins do século XIX e principios do XX ten catro ou cinco xornais porque iso significa que había lectores e polo tanto había vida cultural. E por outra banda, había algo complementario, a tradición musical.

Tiveron, incluso, en 1890 a idea de constituír unha sociedade de escritores e artistas e aí estaba Castro López, Oureliano J Pereira, persoas relevantes no mundo xornalístico. E dentro dos músicos, nada menos que Xoán Montes, o músico por excelencia da cidade, ou Alonso, un violinista famoso. Entón, se polo menos había escritores e músicos, Lugo non estaba tan baleiro culturalmente. E por ese atractivo de que Lugo sempre tivo algún referente cultural, foi polo que me impulsou a seguir esa liña da cultura e da educación.

Ten publicados artigos, obras de investigación, colaboracións con institucións… Como se compaxina a vida de escritor coa de profesor de instituto?

Cando estás dedicado á docencia non podes facer moito, pero escribín máis no momento no que me xubilei no ano 2016, que tiña todo o día dispoñible para investigar e escribir, iso foi fundamental para poder ter máis resultados. Iso permitiu traballar sobre a historia do Círculo das Artes, sobre a Sociedade de Escritores e Artistas de Lugo, sobre a Liga de Amigos de Lugo, sobre a Sociedade Filarmónica Lucense… sobre un montón de asuntos culturais que me permitiron, a través sobre todo da prensa, descubrir como era e como actuaban

Cal diría vostede que é a súa preferida, a de profesor, a de investigador ou a de escritor?

Teño que dicir que non estou despegado totalmente do labor do instituto e hai algo que me interesa particularmente do instituto Lucus Augusti, e é o seu patrimonio, a súa antigüidade, a súa idiosincrasia… é un instituto cun gran patrimonio educativo, entón esa é outra das liñas que traballo: descubrir os libros, obxectos… que teñan referencia histórica e conserva aínda o instituto porque ao ser decano de Galicia, ten esa posibilidade.

Eu tiña rematada o ano pasado a historia do Círculo das Artes e era unha sociedade que estudaba desde 1855 ata 1985, porque achegarse demasiado no estudo das sociedades é un asunto delicado porque hai persoas vivas implicadas.

Falando da Filarmónica, de onde vén o seu interese por investigar sobre esta entidade lucense?

Hai un par de anos, Xulián Parga comentoume a posibilidade de facer a historia da Filarmónica e ao principio díxenlle que iso era labor dun musicólogo, que eu non o era, que eu era historiador da cultura, pero el sabía que eu escribía sobre o Círculo das Artes e a relación do Círculo coa Filarmónica foi moi intensa, tan intensa que incluso se podería dicir que a Filarmónica naceu no Círculo, porque un dos seus directivos, Abel Corredoira, foi o gran promotor individual da Filarmónica e o Rocho Musical, a asociación que se conformou coa Filarmónica, tiña transcendencia aquí. Por outra banda, o Círculo fora a institución que mantivera a vida musical de Lugo e de aquí fora músico e pianista Xoán Montes, Sariñena, e polo tanto a vida musica do Círculo non se perdeu nunca. Xulián Parga animoume a facer a historia da Filarmónica con esa perspectiva histórica e cultural.

A obra que acaba de publicar, A Sociedade Filarmónica de Lugo, fálenos dela. Como podería resumir o seu contido?

De forma breve, poderiamos dicir que a Filarmónica é o resultado da tradición cultural musical de Lugo anterior. No século XIX hai dous elementos que propician o mundo musical lucense. Un deles é o coralismo. Formábanse unhas institucións de carácter asociativo, recreativo e cultural paralelamente aos movementos do rexeneracionismo e rexionalismo e polo tanto destacaban a identidade cultural de cada zona onde se conformaban esas corais. En Lugo conformáronse varias, mesmo houbo un teórico, Isidoro Blanco, que publicou no segundo xornal de Lugo, no Correo de Lugo, en 1860, unha serie de artigos sobre as corais e da súa importancia que tiñan estas institucións como mobilizadoras do ambiente musical das poboacións. En Lugo empezou a conformarse unha estudantina en 1878 e un ano despois creouse o Orfeón Lucense, no 1879, con Xoán Montes como gran promotor, e logo en 1887 conformouse o famoso Orfeón Galego, que andou por todas partes en España participando con moito éxito en festivais, polo que ese Orfeón Galego marcou a vida cultural da cidade ata Guerra Civil. Tamén xurdiron outras agrupacións, como Cantigas e Flores, unha serie de asociacións entre os anos 16, 22, 48… foron asociación que trataban de revitalizar esa idea do coralismo. Polo tanto, o coralismo foi o primeiro elemento de recordo musical.

E o segundo foi, teño que volver a dicilo, o Círculo das Artes. Porque aquí desde 1855, desde a súa creación, a música foi unha das actividades máis importantes. Os músicos demandaban música e existía un pianista continuo que daba todas as semanas recitais. Ademais, traían orquestras e intérpretes de primeirísima fila. Aquí actuou Albéniz cando era neno, ou Brindis de Salas ou Manolo Quiroga… Ese ambiente musical mantívose todo o século XIX e a primeira parte do XX. Cando chegamos aos anos 30, eses dous elementos conflúen e no Círculo das Artes.

No ano 1946, inmediatamente despois da Guerra Civil, este Rocho Musical e Abel Corredoira deberon tomar a idea de crear una asociación musical que se chamará Filarmónica de Lugo. Era un momento moi difícil para España, pero a música funcionaba neses anos como un elemento de esquecemento das tristuras da vida diaria, como o cine. Por exemplo, o cine en Lugo promocionouse precisamente nos anos 40 con salas como o Cine España, o Cine Vitoria, o Central Cinema, para ofrecer á xente a posibilidade de esquecerse do mal que vivían, igual que a música.

No ano 1946 creouse ese caldo de cultivo propicio para crear a Filarmónica e na Filarmónica constituíuse a primeira directiva. O presidente era Abel Corredoira, pero dentro del había unha representación intelectual moi interesante de músicos, como Moreno Fuentes ou Gustavo Freire, un dos primeiros directivos da Filarmónica. E xunto con eses músicos, aparte doutros nomes, tamén intelectuais da cidade moi significativos como Luís Pimentel ou Celestino Fernández de la Vega.

A Filarmónica confórmase como un ente musical, pero tamén cultural.

A partir de aí, a Filarmónica comeza a súa vida pero mantendo a vida musical intensa. Traen as mellores orquestras, os mellores intérpretes, e onde celebran os seus concertos? Aquí, no Círculo das Artes, que se presta moi xenerosamente a cederlle como auditorio o seu salón de actos. E ata hoxe, así sigue.

Que é o máis destacable para vostede destes 50 anos que leva en funcionamento a Sociedad Filarmónica Lucense?

Eu creo que o máis destacable é manter a chama musical na cidade. A Filarmónica soubo adaptarse a distintos cambios, por exemplo, en 1967 colaboraría coa organización das Semanas Musicais do Corpus Lucense dunha forma moi directa, polo tanto, nas outras vertentes que seguían na cidade e noutras formas que xurdiron no século XXI a Sociedade estaba presente sempre apoiando esa dinámica musical.

Outra vertente foi as excursións musicoculturais que se organizaron algunhas no século XX pero a maior parte xa no XXI, entón visitábase un lugar significativo culturalmente e alí se daba un concerto. Hai que dicir que a Filarmónica non practica música, é dicir, desde o momento en que nace, nace cun criterio: escoitar, e non para facer; unha asociación que pretende traer a mellor música a Lugo, non facer músicos. Aínda que se se forman agrupacións musicais, ela deféndeas e promociónaas e apóiaas, pero o obxectivo inicial e permanente nos seus propios estatutos fundacionais non é facer música, é escoitar música.

Aínda que sobre todo nos 10 primeiros anos tivo a súa propia agrupación musical que era aquel Rocho Musical que colaborou con Abel Corredoira para constituíla e varios músicos participaron activamente na vida da Filarmónica, obrigados a facer polo menos un par de concertos ao ano. Moi poucas veces saíron deste recinto, sempre foi así porque o Círculo foi moi xeneroso á hora de ofrecerlle o auditorio e tiñan intercambios culturais moi intensos. Polo tanto, este sempre foi o lugar de recepción, agás en excepcións: por obras, por algunha continxencia particular, actividade que tivera o Círculo comprometida… pero iso foi excepcional.

O que dicían os estatutos é que había que celebrar polo menos seis concertos ao ano, pero iso sobrepasouse sempre. De feito, sobrepasouse dobrándoos como mínimo. O normal era que se celebrasen 12 ou 15 durante moito tempo. A media, en xeral, é de 10 por ano. No ano 2001 levaban 500 concertos e no ano 2021 celebrábase o 700 concerto. 700 concertos entre 70 anos dá unha media de 10 por ano, pero non quere dicir que todos os anos houbera 10, ás veces 7, ás veces 15, dependía da actividade da propia directiva.

Que outras figuras representativas desta entidade podería comentar?

Creo que algunha persoa máis merece a pena recordar. Por exemplo, o presidente Inocencio Fraga Losada, foi un presidente moi activo dos anos 60 e 70, moi activo e extraordinariamente xeneroso, porque se prestaba a poñer diñeiro do seu peto persoal para ter orquestras ou intérpretes. Logo outra persoa foi o presidente Trigo, que foi desde o ano 1973 ata hoxe, máis de 50 anos. Outra persoa foi quen me invitou a facer o libro, Xulián Parga, un extraordinario melómano, un activo cultural da cidade moi importante e hoxe a Xosé Luis Díaz, que é un secretario da Filarmónica moi activo e mantén a liña cultural anterior. Moitas persoas, dinamizadores culturais de Lugo tiveron que ver coa Filarmónica, por certo, Alvarellos, Celestino Fernández de la Vega… En definitiva, a Filarmónica é unha das expresión culturais máis importante que ten a cidade no século XX e XXI.

Quere engadir algo máis que lle pareza importante?

Quero desexar, para terminar, é que a Filarmónica teña continuidade. É moi difícil manter unha sociedade deste tipo porque as orquestras e intérpretes cada vez son máis custosas e agora, sobre todo nos últimos 40 anos, a diversidade cultural é moito máis grande que antes, entón agora hai asociacións culturais de múltiple tipo que son en certa forma competidores da propia Filarmónica, polo que mantela é un reto.

Que necesita a Filarmónica?

Subvencións, apoios, é o que necesitaría no futuro. Creo que o merece porque manter a tradición musical de Lugo é algo moi importante porque se algo queda claro da nosa charla é que a música foi un dos referentes culturais da cidade desde os tempos de Pascual Veiga e Xoán Montes ata os tempos de hoxe que protagoniza a Filarmónica. Por tanto, demandar, aínda que eu non teño unha relación directa coa Filarmónica máis que como o seu historiador, si que demanden as axudas oportunas para que a Filarmónica siga representando o papel que representou durante as anteriores décadas.