Skip to main content
Ribeira de Piquín

A Deputación apoia a actividade da Fundación TerrEO de Ribeira de Piquín para crear emprego no rural

Por 6 Agosto, 2023Sin comentarios

A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo aprobou colaborar coa Fundación TerrEo, impulsada polo Concello de Ribeira de Piquín para favorecer o dinamismo económico e a creación de emprego no rural, facendo unha achega de 100.000 euros en catro anualidades -entre este 2023 e o ano 2027-, que estará destinada á contratación da xerencia da entidade.

Así o explicou a Voceira socialista do Goberno, Pilar García Porto, quen lembrou que con este convenio de colaboración a institución provincial reforza o seu apoio á actividade da Fundación TerrEO, pois xa coopera para o funcionamento da piscifactoría de Santalla, unha das tres liñas de actuación que actualmente ten en marcha esta entidade, xunto cun polígono agroecolóxico e unha explotación de Porco Celta.

“Comprometémonos con esta iniciativa porque concorda co modelo de desenvolvemento rural que defendemos na Deputación”, pois aproveita “os enormes recursos e potencial que temos na provincia para crear riqueza e emprego, e polo tanto, contribúe a fixar poboación”, subliñou a Deputada.

Por outra banda, no marco da liña permanente de cooperación cos concellos da provincia, a Xunta de Goberno aprobou colaborar co Concello de Vilalba cunha achega de 27.000€ para a organización das festas patronais de San Ramón e Santa María, que este ano se celebrarán entre o 23 de agosto e o 3 de setembro.

García Porto destacou que se trata duns festexos que supoñen “un auténtico revulsivo económico para a capital chairega, sobre todo no sector da hostalería, do comercio e do turismo, porque a vila recibe a milleiros de persoas para desfrutar da cita festiva”.