Skip to main content
Bóveda

As curtametraxes ‘A Rabia’ e ‘Nena’ de Alberto Díaz serán proxectadas en Bóveda

Por 24 Agosto, 2023Outubro 2nd, 2023Sin comentarios

O cineasta e produtor local de Bóveda, Alberto Díaz, organiza unha sesión especial de cinema ao aire libre coas curtametraxes ‘A rabia’ e ‘Nena’ o domingo día 3 de setembro.

A iniciativa xurdiu dunha reunión de traballo que mantiveron o alcalde de Bóveda, José Manuel Arias, e o cineasta bovedense hai uns meses, na que ambos se comprometeron a achegar estes traballos aos veciños e veciñas da localidade.

A proxección farase ao aire libre en pantalla xigante a partir das 22.00 horas na Praza da Filgueira con acceso gratuíto para quen queira participar. Está previsto que asista parte do equipo que participou na elaboración destes dous traballos audiovisuais, así como os directores de ambas as curtas, o bovedense Alberto Díaz e o coñecido humorista e director Xosé A. Touriñán.

As curtametraxes

A curta ‘A Rabia’ é un proxecto que dirixiu Alberto Díaz, gravada en diferentes escenarios da zona sur e que este ano foi finalista dos Premios Mestre Mateo. Está previsto, ademais, que se presente como candidata aos premios Goya.

‘Nena’ é un traballo que se rodou en Mondoñedo, que acaba de comezar a distribuírse e xa acadou 10 seleccións e 3 premios. Alberto Díaz é o seu co-produtor con Mordisco Films e produtor executivo xunto con Touriñán na produtora Undodez, así como distribuidor das dúas curtas con Yaq. Os dous traballos están enfocados na Galicia rural.