Skip to main content
MonfortePublirreportaje AMARIÑAXAPublirreportaje LUGOXAPublirreportaje RIBEIRASACRAXAPublirreportaje SARRIAXAPublirreportaje TERRACHÁXA

O IGSV convoca un total de 24 liñas de axudas de ao redor de 140 millóns de euros

Por 3 Agosto, 2023Agosto 7th, 2023Sin comentarios

A Xunta de Galicia axudou nos últimos tres anos a un total de 600 mozos galegos menores de 35 anos a comprar a súa vivenda habitual en concellos de menos de 10.000 habitantes.

O Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) dependente da Xunta de Galicia convoca un total de 24 liñas de axudas e programas de apoio en materia de vivenda dirixidos a particulares, concellos e promotores privados cunha dotación global de ao redor de 140 millóns de euros.

Deste total, 11 teñen actualmente o prazo de solicitude aberto, que se corresponden coas iniciativas para mellorar a eficiencia enerxética, a compra en centros históricos e as de vivenda protexida, así como o aval bancario para mozos, entre outras; mentres que hai 6 aínda pendentes de convocarse.

Entre os programas novidosos, este ano convócanse por primeira vez as axudas para o fomento de aloxamentos temporais, cohousing e outras modalidades similares e, tamén, a nova liña dirixida tanto a concellos como a empresas e promotores privados para construír vivendas enerxeticamente eficientes destinadas ao alugueiro social, con axudas de ata 50.000 euros por vivenda.

REHABILITACIÓN ENERXÉTICA

A Xunta de Galicia incrementará en 30 millóns de euros, ata chegar a 66,4 millóns, os fondos destinados á actual convocatoria de axudas para actuacións de rehabilitación enerxética en edificios de tipo residencial, o que supón practicamente triplicar o orzamento destinado a esta mesma liña de incentivos o ano pasado.

A cidadanía galega recibiu de forma positiva a esta nova orde de axudas para as actuacións a nivel de edificio, xa que desde que o pasado 16 de xuño se abriu o prazo para poder acollerse a elas, o Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) xa recibiu preto de 650 solicitudes.

Así, a Xunta busca responder á altísima demanda que está espertando esta segunda convocatoria do programa, destinando a reforzar as axudas para rehabilitar edificios o groso do diñeiro que ten que recibir Galicia no marco do terceiro reparto de fondos europeos para programas de mellora da eficiencia enerxética no eido residencial.

En concreto, o programa a nivel de edificio está destinado a apoiar a particulares, comunidades de veciños ou cooperativas propietarias de inmobles construídos antes do ano 2000 na execución de diferentes actuacións sobre a envolvente de edificios e construcións unifamiliares, como a renovación de fachadas e cubertas, así como á substitución de equipos de calefacción e auga quente por outros que non utilicen enerxía fósil para lograr reducir os consumos en, como mínimo, un 30 %.

VIVENDAS EN CENTROS HISTÓRICOS

A Xunta convocou axudas de ata 15.000 euros para comprar vivendas en centros históricos e o prazo de solicitudes estará aberto ata o vindeiro 2 de outubro de 2023.

As axudas son, segundo a vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez; con carácter xeral, de 10.800 euros, pero a contía pode incrementarse ata os 12.800 euros por vivenda se o solicitante é menor de 35 anos.

Tamén podería incrementarse os 15.000 euros no caso de que o inmoble se localice nalgunha das sete Áreas Rexurbe declaradas na actualidade en Galicia: A Coruña, Mondoñedo, Ribadavia, Tui, Ribadeo, Ferrol e Betanzos.

Trátase do quinto ano consecutivo no que, ao abeiro do Pacto social pola vivenda de Galicia 2021-2025, se convocan estas axudas, que teñen como obxectivo promover a recuperación do patrimonio xa construído ao mesmo tempo que se facilita o acceso das familias a unha vivenda.

PROGRAMA DE AVAIS A MENORES DE 36 ANOS

Por outra parte, a Xunta de Galicia convocou, por primeira vez, o programa de avais públicos dirixido a mozos menores de 36 anos para facilitarlles a compra da súa primeira vivenda e xa poden presentar as solicitudes ata o 30 de novembro.

A convocatoria conta cun orzamento global de ata 5 millóns de euros e ten como obxectivo facilitar o acceso da mocidade galega ao seu primeiro fogar en propiedade a través da concesión de avais hipotecarios que poderán chegar ata o 20 % do prezo de adquisición do inmoble por parte do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS).

A vivenda terá que estar localizada en Galicia e destinarse a residencia habitual e permanente do comprador polo menos durante o período de duración do aval. Neste sentido, no momento en que o propietario abone á entidade financeira a cantidade equivalente ao aval público recibido, este perderá a súa vixencia.

Será condición imprescindible que a hipoteca para a que se solicita o aval supoña entre o 80 % e o 100 % do importe de adquisición da vivenda. Así mesmo, as contías que abone o beneficiario deberán destinarse exclusivamente ao pagamento da débeda hipotecaria.

Ademais, o importe de adquisición do inmoble non poderá superar as seguintes contías: 240.000 euros nos concellos da Coruña, Santiago, Vigo, Pontevedra e Ourense; 180.000 euros se se localiza nas cidades de Lugo e Ferrol ou en concellos de tamaño medio e carácter periurbano; e 130.000 euros no resto de municipios galegos.

Deste xeito e tendo en conta que o aval non pode exceder o 20 % do prezo de compra da vivenda, a contía máxima respaldada pola Xunta será de 48.000 euros para o primeiro grupo de concellos, de 36.000 euros para o segundo e de 26.000 euros para o terceiro.

En canto aos requisitos dos beneficiarios, estes deberán acreditar uns ingresos anuais de entre 16.800 euros e 46.200 euros. Se a compra do inmoble corre por conta de máis dunha persoa, o límite conxunto elevarase ata os 54.600 euros.

600 MENORES DE 35 ANOS COMPRARON A SÚA CASA

A Xunta de Galicia axudou nos últimos tres anos a un total de 600 mozos galegos menores de 35 anos a comprar a súa vivenda habitual en concellos de menos de 10.000 habitantes.

En vista do éxito do programa en Galicia, a Xunta publicou unha nova convocatoria destas subvencións, impulsadas co fin de axudar á mocidade á hora de constituír o seu fogar tendo en conta que son un dos colectivos que adoita ter máis dificultades económicas para poder emanciparse.

Por todo o exposto, os menores de 35 anos que estean pensando en adquirir unha vivenda propia poden presentar, ata o vindeiro 31 de outubro, as súas solicitudes para beneficiarse das axudas.

FOMENTO DE ALOXAMENTOS TEMPORAIS

A Xunta convocou unha liña de axudas para o fomento de aloxamentos temporais, de modelos cohousing, de vivendas interxeneracionais e modalidades similares, cun orzamento total de 6,8 millóns de euros para as anualidades que van de 2023 a 2026 xa que as intervencións subvencionables teñen carácter plurianual.

Ata o vindeiro 2 de novembro, salvo esgotamento do crédito dispoñible, os interesados en optar a estas axudas, dirixidas a entidades privadas e empresas que desexen promover inmobles destinados aos usos previstos na convocatoria, poderán presentar as súas solicitudes.

As subvencións poderán destinarse tanto a inmobles de nova construción como á rehabilitación doutros xa existentes e as vivendas ou aloxamentos resultantes deberán dedicarse a alugueiro durante un prazo de polo menos 20 anos, que se computará desde a primeira ocupación do inmoble.

Os promotores destes aloxamentos recibirán unha axuda de ata un máximo de 420 euros por metro cadrado de superficie útil. A contía non poderá superar o 50% do investimento e, como máximo, será de 50.000 euros por aloxamento ou vivenda. En canto aos edificios, deberán ser accesibles, dispoñer dunha cualificación enerxética A como mínimo e cumprir a normativa de habitabilidade de vivenda vixente en Galicia.

Pola súa parte, as persoas usuarias dos aloxamentos ou vivendas financiadas con estas axudas deberán ter ingresos anuais que non superen 5 veces o Iprem, 42.000 euros, sumando os de todas as persoas que compoñan a unidade familiar. O prezo do alugueiro por metro cadrado, no momento da sinatura do contrato, non poderá superar o das vivendas protexidas de protección autonómica de réxime xeral que corresponda á zona xeográfica na que estea a vivenda.

No suposto de que se inclúan espazos comúns e de interrelación, poderá incrementarse este importe co prezo proporcional da superficie destes sen que poida superar 8 euros mensuais por metro cadrado de superficie útil de aloxamento ou vivenda incluída a parte proporcional de superficie dos espazos comúns e de interrelación.

Ademais, o ano pasado 2022, A Xunta de Galicia destinou 8,4 millóns de euros a axudas para a construción de vivendas para alugueiro social en edificios enerxeticamente eficientes, un programa novidoso financiado con fondos europeos do Next Generation.

A metade destes fondos foi destinada a concellos e o resto, a promotores privados que constrúan vivendas en terreos de titularidade pública, aínda que en caso de que a demanda supere os fondos previstos na convocatoria, poderán ampliarse ata duplicar a contía inicial.