Skip to main content
Monforte

Seis influencers promocionarán Monforte baixo a campaña ‘Monforte de Lemos. Capital da Ribeira Sacra’

Por 4 Agosto, 2023Agosto 5th, 2023Sin comentarios

A campaña promocional “Monforte de Lemos. Capital da Ribeira Sacra” foi presentada no Parque dos Condes de Monforte polo alcalde, José Tomé Roca, a 1ª tenente de alcalde, Gloria Prada, e o concelleiro de Servizos, José Luis Losada.

A campaña, que estará protagonizada por seis dos influencers máis destacados na creación de contidos en redes sociais relacionados con ocio, turismo, viaxes e gastronomía, “teñen unha comunidade moi numerosa de persoas, que día a día toma nota dos seus plans, dos lugares que visitan ou dos sitios nos que comen” destacou José Tomé.

Neste senso, nas diferentes redes sociais nas que publican os seus contidos suman 1 millón de seguidores. Ademais, o alcalde destacou o obxectivo de “chegar a todo tipo de públicos, pero sobre todo ás xeracións máis xóvenes, que empregan as redes sociais para comunicarse”.

Accións dos influencers

Os seis influencers que se achegaron ata Monforte provenientes de diferentes puntos de Galicia e España, teñen unha apretada axenda de traballo, que os levará a visitar os principais monumentos e espazos turísticos da cidade, como o Conxunto monumental de San Vicente e a Torre da Homenaxe, o Colexio de Nosa Señora da Antiga, o Muferga, o Museo das Clarisas ou o Miradoiro do Duque, entre outros.

Ademais, logo do acto de benvida, da man do propio alcalde, percorreron as principais rúas do casco antigo, a praza de España, coñeceron a Muralla medieval, a zona da Xudaría e o Museo do Viño.

Tampouco faltarán as degustacións gastronómicas de produtos da zona, a degustación de tapas e viños da D.O. Ribeira Sacra en distintos locais de hostalería e ocio nocturno da cidade, un paseo en barca polo río Cabe ou a visita ó Miradoiro do Duque.

Esta axenda de traballo ten por obxectivo que os influencers convidados graven e xeren os contidos necesarios para dar a coñecer e promocionar nas súas canles de comunicación os principais reclamos turísticos, patrimoniais, gastronómicos, turísticos e de ocio, tanto de Monforte, como da Ribeira Sacra.

Influencers

Os 6 influencers protagonistas desta campaña, “que serán os nosos embaixadores na difusión do noso potencial turístico e de ocio”, son Hugo Pérez, Patricia García de Donkeycool, Fanny de Engaliciamorate, Saray Rodríguez de Sen Paraxe, Alberto de Alvientooo e Elena Peregrina de mi.maleta.azul.

Neste senso, o alcalde subliñou que “vídeos moi semellantes aos que estes días farán sobre Monforte de Lemos e a Ribeira Sacra, alcanzan nas redes sociais dalgúns dos nosos embaixadores 1,7 millóns visualizacións, 76 mil likes e máis de 300 comentarios. Con un só vídeo dos colgados nos seus perfís, o alcance é enorme”.

Ademais, José Tomé destacou que esta campaña “é un conxunto de accións que reforzarán o posicionamento de Monforte como destino turístico. Cada ano visítanos moita xente, pero hai moita outra que aínda non nos coñece e queremos darlle ese pracer. Queremos que a xente, de preto e de lonxe, saiba que aquí, no interior de Galicia, en Monforte Lemos, latexa un paraíso monumental, cultural, gastronómico, vitivinícola e paisaxístico. Hai moitos motivos para que veñan a vernos e con esta campaña imos facer que os coñeza máis xente”.

Por iso, ademais das accións que levarán a cabo este días e posteriormente os 6 influencers nas súas redes sociais, a campaña tamén conta con diversos elementos de visibilidade nas rúas da cidade do Cabe así como nas principais zonas turísticas de Galicia.

En A Coruña, en Vigo, en Pontevedra e noutros puntos das Rías Baixas esta campaña terá presenza, durante este verán, con elementos de visibilidade coma vallas, lonas, autobuses ou cubos publicitarios.

Para elo dende o Equipo de Goberno ideouse un lema que acompaña a todos os elementos promocionais: “Monforte de Lemos, Capital da Ribeira Sacra. Un paraíso monumental, cultural, gastronómico, vitivinícola e paisaxistico latexa no noso interior”, e que acompaña á imaxes representativas da cidade como o Conxunto Monumental de San Vicente, os Escolapios, o Miradoiro do Duque, a gastronomía a través da empanada ou a larpeira, entre outros moitos.