Skip to main content
Monforte

Katy Varela denuncia verteduras no río Cabe e o goberno local asegura que é escuma

Por 8 Agosto, 2023Sin comentarios

O Partido Popular de Monforte sostivo que hai “novas manchas no río Cabe”, nesta ocasión na parroquia de Ribas Altas, “derivadas de posibles novas verteduras ao río”. Katy Varela lamenta esta situación, que pode danar ao medio ambiente e á seguridade dos monfortinos, “sobre todo tras comprobar como hai menos de 15 días que apareceran outras manchas de características semellantes no mesmo río ao seu paso polo casco urbano de Monforte”.

A voceira popular amosouse “moi preocupada” polo estado do río Cabe e pregunta ao alcalde Tomé “en que situación se atopa a dotación de saneamento a todo o municipio”, xa que a realidade é que Monforte segue sen contar cunha rede completa de saneamento. “O que non se pode entender é como o alcalde mira cara outro lado no referente ás verteduras ao río mentres pretende facer unha praia fluvial nel”, lamenta.

Pola súa parte, José Tomé, alcalde de Monforte, quixo tranquilizar aos veciños de Monforte explicando que as manifestacións por Katy Varela,sobre “un hipotético vertedura na zona dos baños de Vilanova son absolutamente falsas”.

Así, argumentou que, unha vez o Concello tivo coñecemento das acusacións da concelleira do Partido Popular, iniciou un procedemento de investigación e diagnóstico das augas no lugar referido para verificar a realidade da situación que denuncia e, unha vez feitas as comprobacións pertinentes por parte da Consellería de Medio Ambiente, púidose comprobar que non existen tales vertidos, senón unha acumulación de escuma, “que é un fenómeno natural que se produce en ocasións pola presenza de residuos orgánicos e a batida da auga e que se repite todos os anos en todos os cauces fluviais” explicou o alcalde.

Así, Tomé sostivo que “resulta moi grave dirixirse aos medios de comunicación alertando da perigosidade para a seguridade dos veciños, baseándose nunha sospeita ou na rumoroloxía de persoas que non teñen coñecementos suficientes para diferenciar un vertido dun fenómeno natural e é unha grave irresponsabilidade, xa que están a crear inseguridade na veciñanza alentando ademais un estado de alarma social e crispación na opinión pública, que resulta reprochable”.

Seguen os  enfrontamentos

Tras este suceso e o acaecido no último pleno de Monforte, onde un concelleiro popular dixo que era normal que a Xunta non lle dera tanto diñeiro a un concello socialista, como o é o de Monforte, como a un do Partido Popular, feito que denunciou o alcalde de Monforte, José Tomé; Katy Varela volveu contestar para “aclarar certas informacións”.

Así, a concelleira sostivo que desde o Partido Popular seguirán “vixiantes co estado do Río Cabe e coa situación do abastecemento e saneamento da cidade, xa que o río Cabe continúa en mal estado en moitos puntos no seu transcurso polo municipio”. Porén, nese comunicado, Katy Varela non asume responsabilidades con respecto ás acusacións ao alcalde de Monforte despois de comprobar que o que ela dicía ser vertido, era escuma.

Por outra parte, Katy Varela dixo querer “mostrar o noso hartazgo e cansazo ante a súa constante estratexia de culpar á Xunta de Galicia dos seus problemas de xestión, como é o caso de non pedir as axudas públicas para aumentar as prazas de gardería ou para a creación da unidade da atención temperá”.

Ademais, defende que a Xunta de Galicia investiu nos últimos catro anos 35 millóns de euros na cidade do Cabe, “destancando os grandes investimentos da Consellería de Cultura e Educación, contamos coa celebración da feira de artesanía ou do libro, en festas como o Carude rock ou San Antonio, Valle de Lemos e Piñeira”.

Por último, Varela convidoulle a deixar de entrar “en batallas estériles que, ademais, aos cidadáns non interesan. Ten que preocuparse por solucionar o problema da auga e dos servizos sociais en Monforte, asuntos, ademais, nos que de querer colaborase a Xunta de Galicia co noso Concello”.