Skip to main content
Monforte

A exposición sobre a vida de Juana de Vega poderá visitarse en Monforte ata finais de agosto

Por 8 Agosto, 2023Sin comentarios

A exposición sobre a vida e a traxectoria de Juana de Vega foi inaugurada pola primeira tenente de alcalde de Monforte, Gloria Prada Rodríguez, acompañada pola vicepresidenta da Fundación Juana de Vega, Teresa Táboas, pola Concelleira de Cultura, Marina Doutón, e o Concelleiro de Obras, Medio Rural, Servizos e Medio Ambiente, José Luís Losada.

A exposición leva por título “Juana de Vega, Condesa de Espoz y Mina (1805-1872): Facer no século”, e está organizada pola Fundación Juana de Vega con motivo do 150 aniversario do falecemento da ilustre coruñesa, que desenvolveu unha intensa actividade benéfica e social, unha muller progresista e liberal, avanzada para a súa época, que deixou unha gran impronta non só na cidade da Coruña senón tamén en toda Galicia e resto do Estado. A mostra itinerante abrangue desde o seu nacemento en 1805 na Coruña ata o seu falecemento en 1872 nesta mesma cidade.

A exposición iniciou o seu percorrido a principios de ano na cidade da Coruña e posteriormente está a rotar polas principais cidades de Galicia, recalando ademais en Monforte de Lemos, terra da nai de Juana de Vega, e en Mondoñedo, de onde era orixinario o seu pai.

Todos aqueles interesados en visitar a exposición desta importante figura da historia de Galicia e España, poderán facelo na Casa da Cultura Poeta Lois Pereiro ata o 24 de agosto, de luns a venres, en horario de 9 a 21 horas, e os sábados de 9 a 14 horas.

A exposición

Na exposición, distribuída en 20 paneis, percórrense as andanzas da súa familia, a guerra e a política de principios do século XIX, o seu casamento co heroe da Guerra de Independencia, Francisco Espoz y Mina, e o seu casamento. Tamén o exilio, os ataques sufridos polo militar navarro e a súa morte, que a converten na “viúva eterna”. Mais isto non foi óbice para que desenvolvese a súa faceta humana e intelectual ao longo dos anos.

Desde a súa función como aia da Raíña Isabel II ata a fundación de hospitais e hospicios ou a súa influencia nos círculos de poder para acadar sempre o fin de axudar aos máis necesitados.A Asociación de Señoras, o Hospital da Caridade, o Asilo da Mendicidade e a Casa da Misericordia son algunhas das institucións que contribúe a crear e, sobre todo, manter.

Juana tamén participou activamente nas iniciativas políticas liberais que se deron na cidade herculina e Galicia. Polo seu parladoiro da rúa Real pasaron políticos, xornalistas e intelectuais. Persoeiros como José Pardo Bazán, Vicente Alsina, Hipólito Otero, Montero, Telinge ou Arias Uría atopábanse entre as súas amizades. A súa implicación, sempre informal, no manexo das decisións políticas que afectan aos progresistas herculinos continúa como mínimo ata 1868, mais tamén os seus contactos cos primeiros espadas do partido a nivel estatal, en especial con Salustiano Olózaga.

Foi considerada como unha heroína pola súa loita contra o cólera, unha das doenzas máis mortíferas do século. Tamén destacou na defensa da memoria do seu defunto marido, preservando o seu legado e protexendo o seu recordo. Juana morre o 22 de xuño de 1872 con 67 anos. Deixa un testamento detallado e sistemático e as súas últimas vontades inclúen o repartimento dos seus bens entre familiares, amizades moi queridas e diferentes institucións.

A exposición remata cunha referencia á Fundación Juana de Vega, que foi constituída por vía testamentaria co obxectivo de crear unha escola teórico-práctica de agricultura na casa de verán en San Pedro de Nós en Oleiros (A Coruña).

Apoios e máis iniciativas

Organizada pola Fundación Juana de Vega, a exposición conta co patrocinio da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, e a colaboración do Concello da Coruña, a Universidade de Santiago de Compostela e máis dunha vintena de institucións públicas e privadas, desde museos a arquivos ata centros de documentación e bibliográficos que durante este século e medio gardaron, conservaron e catalogaron os fondos que tan xenerosamente Juana de Vega nos legou.

Ademais da mostra itinerante, ao longo deste ano celebráronse diferentes actividades ao redor da figura desta ilustre muller, como o congreso internacional “Contemporáneas: políticas, traballadoras e facedoras de sociedade”, destinado ao estudo do papel da muller na sociedade, ou a publicación dunha ampla e documentada biografía de Juana de Vega, da que é autor o historiador e profesor da Universidade de Santiago de Compostela Xosé Ramón Veiga.