Skip to main content
Monforte

O alcalde de Monforte valorou a mostra de artesanía Artelemos como a “máis exitosa dos últimos anos”

Por 10 Agosto, 2023Agosto 11th, 2023Sin comentarios

A XXIII Mostra de artesanía Artelemos 2023 pechou tras seis días de exitosa actividade e o rexedor monfortino visitou os postos, acompañado pola 1ª tenente de alcalde, Gloria Prada, a concelleira de Cultura, Marina Doutón, e o concelleiro de Obras, Medio Rural, Servizos e Medio Ambiente, José Luís Losada.

Tras visitar os 30 postos que formaron parte da mostra, o alcalde recolleu as valoracións dos artesáns participantes na mesma “e todos eles nos comentaron de que lles foi moi ben nos días de duración do certame e que levaron a cabo numerosas ventas. De feito, practicamente todos os artesáns xa nos pediron que sigamos organizando e celebrando este certame, e que contemos con eles para participar na vindeira edición de 2024”.

“As estimacións que facemos dende o Concello, e tras o que nos comentan os artesáns participantes é que superamos as cifras da edicións de 2019 e 2022, tanto en número de público asistente como de ventas acadadas”, resaltou o alcalde. Neste senso, o incremento estes días no número de turistas e de visitantes á cidade, contribúe á mellora dos datos acadados, con respecto a edicións anteriores.

“A edición máis exitosa dos últimos anos”

En Artelemos 2023 participaron 30 profesionais da artesanía, 10 deles provenientes da comarca de Lemos, 14 de diversos concellos de Galicia, como Vigo (2), Santiago de Compostela (3), A Coruña (2), Silleda (1), Ponteareas (1), Tui (1), Marín (1), Noia (1), Arcade (1) ou Ourense (1); e 6 de distintos puntos de España, como Ponferrada (3), Burgos (1), Toledo (1) e Murcia (1).

“Foron 7 artesáns máis que en 2022, o número máis alto de participantes das edicións que se levan celebrado, sen dúbida un dos factores que contribuíu o enorme éxito desta edición”, destacou José Tomé. E doutra banda, o éxito de visitantes e ventas, destacou o alcalde, “radica en que este ano o certame durou seis días, un día máis do habitual, pois nos últimos anos a duración era de cinco días, pero ante o éxito das vendas e o interese dos artesáns este ano dende o equipo de Goberno decidimos ampliar os días de celebración do mesmo ata o mércores 9 de agosto, en vez de finalizar o martes como se facía nos últimos anos”.

Os obradoiros dirixidos a nenos e nenas tamén resultaron ser todo un éxito, pois en todas as xornadas superáronse o número de prazas ofertadas para os mesmos.

Finalmente, as mostras de oficios e demostracións en vivo de diferentes produtos artesanais, a cargo de artesáns tamén contaron cunha alta participación e foron moi ben valoradas polo público asistente.

“Boa mostra do éxito de Artelemos, logo de dous anos de ausencia, é que moitos dos artesáns xa se comprometeron a participar na vindeira edición de 2024, e pedírnonos que sigamos organizando e celebrando este certame no lugar e nas datas en que o facemos”, concluíu o alcalde.

“Con esta mostra contribuímos a dinamización dos oficios e dos produtos artesanais locais, o que nos serve tamén para reforzar a promoción turística tanto de Monforte, como da comarca de Lemos e a Ribeira Sacra no seu conxunto”.