Skip to main content
Monforte

O último libro de Margarita Rodríguez Otero presentarase no Centro do Viño de Monforte

Por 10 Agosto, 2023Sin comentarios

Este sábado, 12 de agosto presentarase no Centro do Viño de Monforte o último libro de Margarita Rodríguez Otero, un acto promovido pola Librería Agrasar que terá lugar ás 20.30 horas.

A obra, ‘Galicia vence a Napoleón. A incrible fazaña do pobo galego que en seis meses venceu e expulsou da súa terra ás tropas francesas’, é un relato fundamentado nun intenso traballo de investigación nas fontes documentais do país e nunha extensa e documentada bibliografía.

Margarita Rodríguez Otero dedica a súa novela aos homes que, obrigados a abandonar vilas e aldeas ante a presenza do invasor, acosaron constantemente ás tropas francesas ata expulsalas destas terras.

A autora describe os estragos sufridos de forma tan pormenorizada e documentada, que podemos revivir co seu relato, os acontecementos tráxicos ocorridos que fixeron de Monforte a poboación máis castigada polas tropas invasoras ao seu paso por Galicia.