Skip to main content
Monforte

O alcalde de Monforte e o novo inspector xefe da Policía Nacional repasaron os datos de criminalidade do Concello

Por 10 Agosto, 2023Sin comentarios

O novo inspector xefe da Policía Nacional en Monforte, Tomás García, que tomou posesión do seu cargo hai uns días, e que veu acompañado polo inspector da Comisaría de Monforte, Celso Dacal; foron recibidos polo alcalde de Monforte.

“O encontro que mantivemos foi unha primeira toma de contacto e serviu para facer un repaso de cal é o estado actual da seguridade en Monforte; falamos de todo aquilo que afecta á o corpo da Policía Nacional nos seus diferentes aspectos”, explicou o mandatario local.

Por outra parte, a reunión serviu para falar da necesidade de continuar coa vontade de colaboración entre os diferentes corpos de seguridade do Estado: Policía Local, Policía Nacional e Garda Civil. O rexedor destacou que “durante a conversa, constatamos que o noso é un Concello tranquilo e cun baixo nivel de delincuencia; pero iso non significa que teñamos que baixar a garda e debemos seguir traballando conxuntamente para poder reducir ese nivel, na medida do posible”.

Datos de criminalidade en Monforte

Neste senso, o rexedor recordou as cifras dadas a coñecer na última Xunta Local de Seguridade, celebrada o pasado 28 de xullo, nas que a taxa de criminalidade en Monforte descendeu con respecto a anos anteriores, situándose nos últimos 12 meses no 12,49% (por mil), unha das máis baixas do Estado.

Segundo datos oficiais facilitados pola Policía Nacional, durante este primeiro semestre de 2023 rexistráronse no concello de Monforte de Lemos 226 infraccións penais, das cales foron 114 delitos graves e menos graves, e 112 delitos leves. Esta cifra supón que a delincuencia descendeu, con valores inferiores aos que se rexistraron no mesmo período de 2022, con 23 delitos menos.

Isto supón unha diminución do 9,24% en relación co 2022, no que houbera 249 infraccións penais (das que 109 foran delitos graves e 140 leves).