Skip to main content
Monforte

Ata 25.000 euros de axudas para a adquisición de material escolar por parte das familias de Monforte

Por 15 Agosto, 2023Agosto 16th, 2023Sin comentarios

O equipo de Goberno de Monforte aumentou en 5.000 euros as axudas destinadas ás familias para a adquisición de libros de texto e material escolar complementario para o curso 2023/2024 pola “previsión do aumento da demanda deste tipo de axudas, decidimos aumentar en 5.000 euros o contía das mesmas, alcanzando os 25.000 euros, importe que mantemos neste ano 2023”, destacou o rexedor monfortino.

Así, as solicitudes resoltas favorablemente neste ano 2023 son de 182, un número moi similar ó de 2022 (192). Tras a resolución de concesión da axuda económica,as contías serán aboadas mediante a entrega dun vale.

As axudas teñen como finalidade apoiar ás familias con menor renda per cápita do municipio de Monforte que presenta dificultades económicas para afrontar os gastos que supoñen a adquisición de material escolar e libros, ante o inicio do curso escolar o vindeiro mes de setembro. Ademais, están destinadas ao alumnado empadroado no Concello de Monforte e escolarizado para o curso 2023/2024 en educación infantil (3-6 anos), educación primaria, educación secundaria obrigatoria ou educación especial, nalgún dos centros docentes públicos ou concertados existentes no municipio.

Recollida de vales e requisitos

Os vales axuda poderán ser recollidos na Secretaría do centro de Servizos Sociais do Concello emprazada no primeiro andar do centro Cívico Social e a data límite para a súa recollida será o 14 de setembro e a data de caducidade dos vales será ata o 20 de outubro de 2023.

No caso de non retirar o vale no prazo establecido entenderase existe unha renuncia tácita e procederase a anular o vale. Do mesmo xeito, anularanse os vales cando se presente a renuncia expresa. O importe destas axudas vai dende os 73 euros ata os 345 euros, dependendo do número de fillos ou fillas por familia e do curso que estuden.

No caso do alumnado pendente de matrícula en setembro a entrega do vale estará condicionada á presentación do certificado de matriculación no curso 2023/24. Unha vez que a persoa solicitante este en posesión do vale, poderá adquirir os libros e material escolar en calquera librería do municipio de Monforte de Lemos, a súa libre escolla e polo importe máximo que figura no documento.

Se o importe do material escolar adquirido é inferior ó valor do vale, o persoal do establecemento deberá establecelo na factura correspondente ó interesado que emitirá o concello de Monforte de Lemos facendo constar o número de vales e o importe realmente gastado, perdendo a persoa beneficiaria a diferenza; se o importe fose superior ó do vale, o persoal do establecemento emitirá a factura polo importe do vale e a diferenza será facturada á persoa solicitante. O Concello soamente asumirá a contía establecida no vale.

Os vales non poderán ser fraccionados, é dicir, o importe de cada vale só pode ser utilizado nun único establecemento. Unha vez entregado o material escolar a persoa solicitante entregará o vale asinado ó establecemento que quedará en posesión do mesmo, autorizando a persoa beneficiaria da axuda á cesión do cobro desta ó establecemento autorizado. En caso de extravío do vale tanto pola persoa beneficiaria coma por libraría non expedirán un novo vale.