Skip to main content
Monforte

Veciños e veciñas de Monforte encheron a praza do Concello de Monforte en repulsa polas agresións sexuais

Por 18 Agosto, 2023Agosto 19th, 2023Sin comentarios

A praza do Concello da cidade acolleu a concentración de repulsa polas agresións sexuais sufridas por dúas menores de idade na madrugada do pasado martes 15 de agosto, en Monforte.

Ademais do rexedor monfortino, José Tomé Roca, tamén participaron a tenente de alcalde, Gloria Prada, os concelleiros de Servizos, José Luís Losada, de Sanidade, Pilar Espinosa, de Deportes, José Manuel Mougán, de Consumo, Regina López, o voceiro do BNG, Emilio Sánchez, membros da asociación Femforte e moitos cidadáns monfortinos que amosaron así o seu rexeitamento ante uns feitos tan lamentables.

O equipo de Goberno do Concello de Monforte, en nome de toda a Corporación, emitiu un comunicado manifestando “a nosa máis enérxica repulsa e condena por estes feitos tan lamentables, producíndose durante a celebración das Festas Patronais”. O pobo de Monforte rexeita taxantemente calquera tipo de agresión e moi especialmente si se trata de agresións sexuais a mulleres.

José Tomé subliñou que “en Monforte non cabe ningún tipo de comportamento machista nin delitos contra a integridade e a liberdade sexual das mulleres, especialmente si son cometidos con menores de idade.” Neste senso, o alcalde salienta que “o Concello está a disposición das familias para axudar a superar este momento tan difícil, prestando se fose necesario, apoio legal, psicolóxico ou de outro tipo que precisen”.

O rexedor monfortino recorda que, tal e como se manifestou no comunicado de onte, “na próxima Xunta de Goberno que se celebrará o vindeiro luns día 21 de agosto ás 9.00 horas tomaremos o acordo de personarse o Concello como acusación particular, para que caia sobre os presuntos culpables todo o peso da lei”.

COMUNICADO DO BNG

Pola súa parte, desde o BNG publicaron un comunicado no que expresaron “o noso máis enérxico rexeitamento á presunta violación que tivo lugar” e que “este incidente non reflicte de ningunha maneira o comportamento exemplar que a nosa comunidade adoita mostrar durante este período festivo”, defenderon.

Ademais, esixen que o sistema de xustiza leve a cabo unha investigación “exhaustiva e equitativa” e que “se garanta un proceso legal xusto tanto para víctimas, como para os presuntos agresores, sen importar a súa orixe, e que se evite calquera forma de comentario ou actitude racista que poida xurdir ao redor deste caso”.

Por último, defenderon que “é crucial que a nosa comunidade se manteña unida ao redor dos valores de respecto, solidariedade e xustiza” e reiteraron o seu compromiso coa diversidade e a inclusión.