Skip to main content
Monforte

Varios cargos institucionais puxeron en valor a XXIV Feira do Libro de Monforte

Por 24 Agosto, 2023Agosto 25th, 2023Sin comentarios

A 24ª edición da Feira do Libro de Monforte foi inaugurada polo alcalde de Monforte, que estivo acompañado polo representante da Federación de Librarías de Galicia, Jacobo Rodríguez Agrasar, o director Xeral de Cultura da Xunta de Galicia, Anxo Lorenzo, o vicepresidente da Deputación de Lugo, Efrén Castro, así como diversos membros do equipo de Goberno e da Corporación do Concello.

José Tomé Roca destacou, na súa intervención, que “dende o Equipo de Goberno do Concello de Monforte, seguimos colaborando decididamente con esta festa da literatura porque consideramos que con ela conseguimos achegarlle á cidadanía unha parte fundamental da nosa cultura, como son os libros, e polo tanto, contribuímos á súa divulgación. Ao mesmo tempo, tamén ofrecemos o noso apoio a un sector tan importante como é o editorial”.

O equipo de Goberno apoia ano a ano este evento, coorganizado entre o Concello e a Federación de Librarías de Galicia, dada a importancia que ten o sector editorial en Galicia. “Este evento cultural que estamos a inaugurar, e que forma parte do programa do Verán Cultural do Concello, sérvenos para que todos poidamos encontrarnos coa literatura na rúa, e sérvenos para render unha merecida homenaxe aos libros, aos seus escritores e escritoras, e tamén aos editores e libreiros e libreiras, que son os encargados de facernos chegar as obras ós lectores”, indicou o mandatario municipal.

O alcalde destacou a presenza de varios escritores e escritoras da Ribeira Sacra, e tamén do resto de Galicia. A través deles, “potenciaremos e daremos a coñecer o talento literario que temos na nosa comarca e tamén no conxunto da provincia de Lugo e de Galicia”.

Lema do cartel

O rexedor monfortino tamén fixo referencia ao lema do cartel deste ano, “Vivir os libros”, un lema moi acaído porque “a través dos libros podemos vivir outras culturas e países, podemos meternos na pel dos personaxes, vivir experiencias e, en definitiva, os libros axudan a completar e enriquecer a nosa vida”.

Tamén animou “a todos os monfortinos e monfortinas, así como ás persoas que nos visitan estes días, a que se acheguen á Feira do Libro, neste marco incomparable como é esta rúa do Cardeal, para coñecer as novidades literarias e adquirir novos libros que, de seguro, nos axudarán a descubrir novas historias apaixonantes, e ademais terán un desconto do 10% en todos os libros, que sempre é unha boa axuda para animarse a mercar”.

Pregón

O pregón correu a cargo do escritor lucense, Francisco Javier Fernández Narla, autor de novelas históricas e de misterio, que naceu en Lugo en 1978 e foi piloto aéreo de profesión, pero comezou a súa carreira literaria en 2009 cunha novela de terror, ‘Los lobos del centeno’, de ambiente galego que acadou un gran éxito en España e Latinoamérica, á que seguiu a novela negra “Caja negra”, en 2010.’.

O alcalde referiuse a el coma “un excelente e polifacético pregoeiro, que nos honra coa súa presencia e que vai contribuír, estou seguro, a que esta 24ª edición da Feira do Libro de Monforte teñan uns bos resultados”.

Programación da 24ª Feira do Libro de Monforte

A XXIV Feira do Libro de Monforte de Lemos poderá visitarse ata o sábado 26 de agosto e as casetas estarán abertas de 11 a 14 horas e durante a tarde de 19 a 22 horas. Serán catro xornadas de actividades nas que o público asistente poderá gozar de presentacións de libros e sinaturas das obras por parte dos seus autores.

As casetas presentes nesta edición son as de A Gata Tola (Santiago de Compostela), Libraría Cartabón (Vigo), A Librería da Proencia (Sober), o Servizo de Publicacións da Deputación de Lugo, Librería Agrasar (Monforte) e Librería Entre Libros (Monforte). A Feira do Libro de Monforte conta cun completo programa de actividades, no que se inclúen Seis casetas, ducias de autores, eventos para toda a familia, sinaturas e presentacións.

Coa Feira do Libro de Monforte, a Federación de Librarías de Galicia dará por rematada a tempada de feiras de 2023, e que ten 14 citas por toda Galicia. A programación deste ano da Feira do Libro de Monforte inclúe a presencia de varios escritores da Ribeira Sacra, e tamén escritores do resto de Galicia. A través deles, potenciarase e darase a coñecer o talento literario existente na Ribeira Sacra e tamén en Galicia.