Skip to main content
Abadín

Abadín: Camiño do Norte

Por 13 Agosto, 2023Agosto 14th, 2023Sin comentarios

O concello de Abadín é un dos municipios chairegos polos que atravesa o Camiño Norte durante a etapa 29 onde poderemos desfrutar da paisaxe e do patrimonio do lugar.

O concello de Abadín é un dos municipios chairegos polos que atravesa o Camiño Norte, que da comezo en Irún e percorre todo o norte da península.

Despois de Castropol o camiño entra en Galicia cruzando o mar Cantábrico a través da ría de Ribadeo que é o punto de partida deste camiño na provincia de Lugo. Recoñecido pola Unesco no 2015 percorre ademais paisaxes que son Reserva da Biosfera.

No municipio de Abadín o trazado discorre pola ladeira do monte Pena da Roca ata chegar á Xesta. Antes de entrar a este núcleo de poboación podémonos visitar a ermida de San Cosme da Montaña, un dos máis coñecidos santuarios romeiros da Chaira, situado no barrio da Xesta, freguesía de Galgao.

Un lugar de culto onde cada 27 de setembro celébrase unha multitudinaria romaría. As peregrinacións ó San Cosme remontase máis alá dun século, unha romaxe que a día de hoxe segue unindo xeográfica e espiritualmente ás xentes da Chaira e da Mariña, pois a súa situación lindeira xerou un forte sentimento entre ambas comarcas.

En canto á estrutura deste santuario, podemos dicir que se trata dunha sinxela construción relixiosa de estilo rural ou popular, unha estética moi común para as igrexas e capelas de moitas aldeas galegas.Na súa fachada pódese ver unha cuncha que convida a virar á esquerda por un camiño que cruza a Nacional-634 para chegar a Gontán, onde se atopa un albergue de peregrinos.

Na localidade de Gontán tamén podemos atopar a capela da Virxe de Fátima construída a mediados do século pasado por iniciativa privada e onde se celebran as festas na localidade no mes de maio. A talla da Virxe chegou á igrexa unha vez acabadas as obras, procedente dun taller de escultura de Santiago.

A continuación chegaremos ao núcleo de Abadín e unha vez o crucemos atoparemos a igrexa parroquial de Santa María de Abadín. Unha construción de estilo románico da primeira metade do século XII, con capela maior do século XVI de estilo gótico isabelino, e sancristía encostada detrás, de época posterior.

Aparece coroada por dous escudos nos laterais da fachada, nos que se distinguen as estrelas e a media lúa da casa dos Luaces, que estivo vinculada a esta parroquia desde o ano 1574. No interior atópase un retablo maior de estilo renacentista popular e retablos laterais de traza popular e máis moderna.

Continuando o Camiño e chegando xa ao final do municipio de Abadín podemos atopar a igrexa de San Xoán de Castromaior, unha contrución emprazada sobre un antigo castro, construída no século XVI e reformada posteriormente. Conta cunha planta rectangular e cuberta de pizarra a dúas aguas. No seu interior destaca un retablo maior barroco do século XVIII.

Poderemos continuar esta etapa xa polo municipio de Vilalba pasando por San Bartalomeu de Corvelle, Martiñán ou Goiriz entre outros, ata chegar a Vilalba onde remata. A etapa completa son un total de 29 quilómetros, sendo unha das máis chas e de fácil percorrido.