Skip to main content
FriolFriol TERRACHÁXA

Abre a inscrición para o servizo de Madrugadores de Friol

Por 31 Agosto, 2023Setembro 1st, 2023Sin comentarios

O Concello de Friol continúa co seu programa de conciliación da vida familiar e laboral dos habitantes do seu pobo, e para iso levará a cabo o próximo curso unha nova edición do servizo de Madrugadores, do que se poderán aproveitar as familias con alumnos e alumnas matriculados no CPI Doutor López Suárez de Friol.

Este servizo estará en funcionamento durante todo o curso 2023-2024, dende as 7.45 ata as 9.45, que é cando xa comeza a xornada escolar. Levarase a cabo dentro do recinto escolar, e haberá persoal suficiente encargado de atender as necesidades dos usuarios, polo que as familias poden deixas os nenos ou nenas cando o necesiten e xa irían para a clase correspondente cando comece o horario lectivo do centro, ás 9.45.

Con este programa, o Concello de Friol segue apostando por dar servizos de calidade ás familias do municipio, e tamén ás que decidan vir vivir ao pobo e matricular aos seus fillos e fillas no centro escolar público de Friol.

O Servizo de Madrugadores será subvencionado polo Concello, tendo que pagar cada persoa interesada en facer uso do mesmo a cantidade de 80 € por todo o curso escolar.

Pode realizarse a inscrición nas oficinas do Concello de Friol, ou a través do correo electrónico info@concellodefriol.es. O impreso de solicitude de inscrición pode atoparse na páxina web do Concello.