Skip to main content
Rábade LUGOXARábade TERRACHÁXA

A Casa das Insuas acolle un obradoiro sobre gravación de paisaxes sonoras

Por 26 Agosto, 2023Outubro 13th, 2023Sin comentarios

A fin de semana do 23 e 24 de setembro celebrarase na Casa das Insuas, en Rábade, un obradoiro de gravación de paisaxes sonoras e narración documental impartido por Laura Romero.

Este obradoiro nace co obxectivo de realizar unha expedición comunitaria a través de prácticas de escoita profunda e da gravación de paisaxes sonoras nas Insuas do Miño e nos Pozos do Ollo. Partirase desde diferentes perspectivas, a bioloxía, a xeoloxía e a historia oral.

Laura Romero é unha radio artista e realizadora de audio. Traballou no deseño e montaxe de audio para varias emisoras ibéricas e francófonas. Especialmente atraída polo xénero documental, a ecoloxía acústica e a narrativa sonora experimental. Foi galardoada co primeiro premio en Grand Prix Nova International Radio Drama Festival (2021) e UK International Audio Drama (2022).

É tamén investigadora-doctora en comunicación e docente en linguaxe e narrativa sonora. Organiza regularmente sesións de escoita en lugares públicos e obradoiros de creación colectiva. O seu último documental sonoro, Retorno ao Niño (2022) é unha homenaxe ao paciente mundo da ornitoloxía, a grabación da paisaxe e a preservación do entorno rural ante a ameaza da instalación masiva de macro-plantas fotovoltaicas.

A actividade dividirase en varios bloques horarios. Haberá un bloque de mañá, de 11.00 a 14.00 horas; un bloque de tarde, de 16.00 a 20.00 horas e un bloque nocturno, de 22.00 a 23.00 horas, que consistirá nun paseo e nunha serie de gravacións nocturnas. Esta última trátase dunha actividade voluntaria.

O domingo só haberá dous bloques horarios. O primeiro de 10.00 a 14.00 horas e o segundo de 16.00 a 19.00 horas.

Para inscribirse é necesario facelo a través da web, onde pode atoparse, a maiores, toda a información necesaria. O custe da inscrición é de 85 euros e so haberá 12 prazas dispoñibles.

No caso de dispoñer del, cada participante pode levar o seu propio equipo, incluídos o ordenador portátil e gravadoras. Se non, a organización porá equipamento a disposición dos participantes, como diferentes tipos de gravadoras e de micrófonos. É moi importante, iso si, que cada participante traia os seus propios auriculares.