Skip to main content
Vilalba

A música cobra protagonismo nas festas de Vilalba

Por 24 Agosto, 2023Agosto 25th, 2023Sin comentarios

As festas patronais ofrecen unha ampla oferta musical para todos os gustos con orquestras, charangas e grupos de todas as tendencias.

AS ORQUESTRAS

Este ano as verbenas serán outro vez un dos momentos máis animados e divertidos das festas vilalbesas xa que unen e xuntan a milleiros de persoas.

A primeira actividade musical desta índole será o día 23 coa actuación a cargo do Dúo Estrellas na Xira dos Maiores.

O sábado 26, na Xira da xente nova, poderase desfrutar xa na sesión vermú do grupo Lecer e da orquestra Alma Latina. E ao día seguinte, o domingo 27, a festa do mediodía  estará animada pola orquestra Alabama.

O xoves 31 Los españoles comezará a sesión vermú para animar aos vilalbeses e xa pola noite, serán o preludio para a grande e coñecida París de Noia, que fará desfrutar a todos os visitantes cos seus ritmos e os seus espectáculos.

O venres 1 de setembro  na praza da Constitución haberá unha sesión vermú amenizada pola orquestra Los Magos. Este grupo será o encargado de poñer a nota musical á sesión de noite, que continuará con El Kubo no Campo da Feira.

El Kubo conta cun dos palcos máis grandes de Europa e prometen sorprender aos asistentes con música de antes e de agora cun show que aseguran que será para todas as idades.

Xa o sábado 2 a sesión vermú e a sesión da noite estarán amenizadas pola orquestra Principal e o grupo Assia. Isto será na praza da Constitución.

O domingo 3, o Día das parroquias, contarán coa orquestra Galilea na praza da Constitución, que amenizará dende a sesión vermú ata a noite, facendo desfrutar da súa música e espectáculo aos vilalbeses.

CALENDARIO

      • Mércores 23. Xira de maiores. Dúo Estrellas.
      • Sábado 26. Xira. Alma Latina e Grupo Lecer.
      • Domingo 27. Xira. Alabama.
      • Xoves 31. Los Españoles e París de Noia.
      • Venres 1. Los Magos e El Kubo
      • Sábado 2. Principal e grupo Assia
      • Domingo 3. Galilea

Os ritmos e melodías que fan bailar e desfrutar á xente durante as festas do San Ramón e Santa María.

OS GRUPOS

Para estas festas de San Ramón e Santa María, a programación cultural de Dinamiz-ART, achega dúas actuacións para todo tipo de públicos e entre os que se atopan Os D’Abaixo e The Soulers.

The Soulers achegarán os seus ritmos trepidantes o martes 29 ás 20.00 horas, cun concerto de presentación do seu segundo traballo en estudo.

Esta banda asturiana, formada por seis músicos cunha ampla traxectoria no panorama musical, presentará o seu disco, un EP cun total de cinco cancións orixinais, e está inspirado nalgúns estilos da música popular norteamericana.

Por outra banda, Os D’Abaixo poñerán o broche musical final o mércores 30 ás 22.00 horas na praza de Santa María de Vilalba.

Mediante o seu proxecto Somos a pedra, a liña tradicional que caracteriza a Os D’Abaixo fusiónase, máis que nunca, con aires novos de composicións propias. A mensaxe que pretenden transmitir con este traballo é o de permanencia e a resiliencia da cultura, a identidade e a lingua propias. Os D´Abaixo pretenden permanecer firmes como a pedra, configurada por un material tan duro que a fai quen de soportar o paso dos anos e das adversidades sen desaparecer. A súa calidade, orixinalidade e espírito festivo son a súa carta de presentación, unha banda imprescindible no folk galego actual.

O día 1 de setembro na praza de Santa María ás 20.00 horas, os Bregadiers levarán os seus ritmos swing, jazz e rock&roll a todas as persoas.

Son experimentados músicos galegos nunha formación que leva ás vilas a música doutras latitudes, nunca antes escoitadas nas vilas e cidades galegas. Inspirados nas brass bands, fanfarrias ou bandas gypsy, os Bregadiers son herdeiros destas tradicións, cunha calidade musical e artística fóra de toda dúbida.

O día 2 de setembro será o Festival de Bandas Pepe Guntín que está organizado pola Banda de Musica de Vilalba. Será no auditorio ás 20.00 horas.

Pepe Guntín foi un músico vilalbés que impulsou a escola de música que, tras a súa primeira actuación fai algo máis de tres décadas, deu orixe á actual banda de Vilalba.

Esta banda é unha agrupación cuxa principal finalidade é a difusión e promoción da música de bandas.

PROGRAMA

  • Martes 29. Día da Bicicleta. Concerto The Soulers na praza de Santa María ás 20.00 horas.
  • Mércores 30. Certame Literario e Pregón. Concerto de Os D’Abaixo na praza de Sta María as 22.00 horas.
  • Xoves 31. Concerto San Ramón de Banda de música de Vilalba ás 20.00 horas na praza da Constitución.
  • Venres 1, Día de Santa María. Concerto de Bregadiers ás 20.00 horas na praza da Constitución.
  • Sábado 2.Festival Bandas Pepe Guntín ás 20.00 horas no Auditorio.

Pasacalles: Ritmos vivos con charangas e bandas de música.

PROGRAMA

  • Xoves 31. Entre Lusco e Fusco e AC Andrade
  • Venres 1. Buxos Verdes e Mato Vizoso
  • Sábado 2. Cerna de Árbol e Mestura de Nete
  • Domingo 3. Tovar e Cerna de Árbol

A música local e orixinaria da Terra Chá está incluída nas festas de San Ramón e Santa María. Así, a programación conta coa participación de grupos de música tradicional e charangas, principalmente de Vilalba pero tamén dos concellos da contorna, dando protagonismo ao produto local.

ENTRE LUSCO E FUSCO

Entre Lusco e Fusco é un grupo de baile, canto e música tradicional que remonta a súa orixe ao ano 1990. Ao longo destes 32 anos de percorrido, os membros da asociación tiveron a posibilidade de acudir á televisión de Galicia, de facer intercambios culturais tanto na nosa comunidade autónoma como fora dela, actuar en distintos eventos, actos e festividades da comarca da Terra Chá, ademais de participar na vida cultural da vila e dos seus arredores.
Na actualidade conta con arredor de 100 socios de diversas franxas de idade nenos/as, adolescentes e adultos, repartidos nas diferentes disciplinas que se imparten. Persoas con carácteres, personalidades e ideoloxías distintas, pero cun obxectivo común: tocar, bailar e cantar. Ou noutras palabras, promover e ensinar a cultura tradicional galega de xeito ameno e desfrutando da mesma.

AC ANDRADE

A Asociación Cultural de Andrade nace dun grupo de pandeireteiras, formado tanto por nenas como por adultos, que comezaron os seus primeiros cantos e repeniques polo curso 1999/2000. Dende ese primeiro curso participaron en diferentes programas.

Ao longo do tempo fóronse engadindo as clases de baile tradicional, gaita e linguaxe musical e máis recentemente, percusión brasileira e cantos de taberna. Na actualidade contamos con máis dun centenar de alumnos de diferentes idades en todas as nosas actividades. O ano pasado desfrutamos da experiencia de integrar os ritmos galegos dentro da danza para tentar amosar a multiculturalidade de España.

BUXOS VERDES

Buxos Verdes é un grupo de música tradicional que naceu no ano 2001 en Vilalba e que conta na actualidade con 25 integrantes de todas as idades. O que os move a tocar é a súa paixón pola música tradicional galega, desfrutando dela en foliadas, cantos de taberna e festas varias. A música que escoitaremos con eles serán as coñecidas muiñeiras, xotas, rumbas e pasadobres, entre outras.

MATO VIZOSO

A Banda de Gaitas Mato Vizoso naceu no ano 1988 no seo da Anpa do colexio homónimo da man dun grupo de gaiteiros constituído por 6 nenos de entre 8 e 9 anos e o seu profesor Carlos A. Celeiro Arias Morón. O grupo foi medrando pouco a pouco e a partir de 1992 iníciase o camiño da Banda de Gaitas con actuación públicas fóra do ámbito escolar, primeiro nas patronais e as parroquias e despois en pobos de toda a provincia.

Xa en 1993 inscríbese como asociación e dende ese momento participaron en innumerables encontros, concertos e festivais por toda a Península Ibérica.

CERNA DE ÁRBOL

A agrupación musical Cerna de Árbol xurdiu a raíz da Asociación Cultural e Deportiva da mesma parroquia vilalbesa.
Este grupo de música tradicional fundouse despois dun curso de música no que participou algún membro da asociación e como da música desfrutan todos os veciños, despois dun magosto de 2014 decidíronse a crear esta formación.

Contan con arredor de 25 compoñentes dos que 12 son nenos de entre 8 e 14 anos e aos que lles encantan a percusión. Malia que coa covid déronse de baixa varios membros, os embarazos dalgúns dos integrantes trouxeron consigo novos compoñentes.

Cerna de Árbol participa en diferentes feiras do Concello de Vilalba como a de Artesanía e a do Capón, e por suposto nas súas festas parroquiais e as de algún que outro integrante que non é da mesma pois o fin máximo deles é xuntarse e pasalo ben.

Para actuar contan cos seus propios traxes tradicionais e con polos máis cómodos para xuntanzas máis informais como os Cantos de Taberna.

MESTURA DE NETE

A Asociación Cultural Mestura de Nete deuse de alta formalmente este ano para poder inscribirse e participar en programas como o Musiqueando da Deputacion ou en diferentes actuacións como cantos de taberna, procesión, festivais, etc. Dende o 2015 a Asociación de veciños de Nete, que cumpre este ano 25 anos de existencia, organizou clases de música tradicional (pandeireta, baile tradicional, acordeón, gaita, percusión, canto tradicional), e cada ano foi aumentando o número de alumnos ata chegar actualmente a preto de 80 persoas nas diferentes disciplinas.

Co paso do tempo foise consolidando o grupo de cantos con 20 persoas actualmente. Todos os venres ensaian con Pablo Pintor e participan en varios cantos de taberna así como nos Seráns culturais do Concello de Vilalba.