Skip to main content
Vilalba

Unha agrupación con máis de medio século

Por 30 Agosto, 2023Agosto 31st, 2023Sin comentarios

A Banda de Música de Vilalba está a cargo do chairego Daniel Veiga e é unha das actuacións imprescindibles durante as festas de San Ramón e Santa María.

Como xurdiu a idea de que asumira o cargo de director?

Na anterior etapa da banda, César Concheiro levaba arredor de 20 anos como director e tanto el como a banda necesitaba un cambio. Cando se puxeron na procura dun director, propuxéronme a min, que levo na banda desde os 9 anos e naquel momento dirixía a Banda de Música de Cedeira. Eu acepteino porque que mellor que dirixir a banda do teu pobo e onde medraches como músico.

Cando comezou a súa vida ligada coa música e por que?

Eu comecei a tocar pola ilusión do meu avó, que era músico en moitas formacións en Vilalba. Eu comecei na Escola da Banda, aprendendo de solfexo e linguaxe musical. Á hora de escoller instrumento, collín o clarinete, que é o que eu toco. Despois, estudei estudos regulados en varios sitios e agora dedícome profesionalmente, dou clase na escola de música, no conservatorio de Vilalba e tamén son director da banda de música. Actualmente, sigo estudando porque ao dedicarse a interpretación hai que manter un nivel de esixencia para poder seguir traballando a nivel profesional. Creo que calquera que se esforce pode dedicarse ao que queira, pero a música é algo moi vocacional e é importante ser apaixonado porque esixe moito tempo. Tamén é unha disciplina artística que necesita do gusto e do amor por ela.

Cales son os labores do director da Banda de Música de Vilalba?

A primeira tarefa do director é a de conxuntar os músicos e instrumentos, esa é a parte que se ve de director no concerto; pero, a parte, hai un labor de elección e preparación do repertorio, de adaptación de partituras, a xestión en conxunción da directiva da asociación e de labor educativa cos que empezan e veñen do conservatorio ou da escola, e vai mais alá dun traballo extenso, amplo e educativo.

Como valora estes dous anos á fronte da Banda?

Teño unha valoración moi positiva, xa que é un proxecto ilusionante. É a miña banda, e iso e un aliciente. Ademais, estou moi contento do traballo do día a día e do que poñemos en marcha. Por outra parte, creo que hai boa relación co Conservatorio de Vilalba e a Escola de Música, cos que puxemos en marcha a mini banda de iniciación, que permite ter unha canteira e asegura o futuro; ou o campamento, que organizamos a primeira edición. Ademais, temos tamén boas relacións coa escola de teatro e temos proxectos á vista, iso é o que mais me está motivando; poder conxugar a música no pobo e ter esa relación tan sa.

Pode contarnos un pouco a historia da Banda de Música de Vilalba?

A historia de Banda de Música de Vilalba é bastante recente, xa que se constituíu o 14 de abril de 1991 despois de que en 1987 o alcalde de Vilalba neses momentos, José María García Leira, promovera a creación dunha escola de música da que xurdiu a Asociación Cultural Banda de Música de Vilalba. O obxectivo estaba claro: difundir e promocionar a música de bandas, igual que facemos hoxe, que promovemos concertos en diferentes espazos e eventos, como son as Festas do San Ramón da nosa vila, pero tamén actuamos en toda a xeografía galega, Asturias, Castela e León e Portugal ben sexa mediante intercambios con outras bandas, contratacións por distintos concellos ou circuítos culturais patrocinados pola Xunta de Galicia, as deputacións provinciais, a Federación Galega de Bandas de Música Populares ou o Concello de Vilalba. Neste senso, o labor dos directores é vital para seguir o legado da Banda de Música de Vilalba que agora, desde hai dous anos, asumín eu. Pero cabe destacar, como mencionaba antes, a César Concheiro Guerrico, que foi durante moitos anos mestre de frauta no Conservatorio Superior de Música da Coruña e director desta Banda desde o 1995. Pero sen esquecer ao anterior, Xosé Rodríguez Ramos, que estivo desde 1993 a 1995 e, sobre todo, o primeiro que asumiu este reto, Xosé Guntín Currás, persoa moi vinculada ás actividades musicais da Terra Chá.

Que espera das grandes festas do San Ramón de Vilalba?

Como persoa festeira, sempre que podo estar as vivo con moita ilusión e ganas de compartir tempo con amizades e familia, eu creo que son moi importantes. Polo que vin, son unhas festas moi similares ás que se veñen facendo, pero cada ano varían e hai cousas diferentes. É importante que se vaian asentando os concertos e que haxa variedade.
Ademais, como director da Banda que vai actuar nestas festas, síntome continuador desa tradición de estar a banda presente. Nós temos 30 anos de historia, pero antes houbo bandas e asociacións musicais que actuaron e o obxectivo é continuar o legado.

“Actuar nas festas de San Ramón é continuar coa tradición compartir o que facemos coa nosa xente”

Cando e onde van actuar?

Actuamos o día 30 no Certame Literario, o 31 no Concerto de San Ramón e o 2 no Festival de Bandas. O día 30 faremos dúas actuacións con asociacións e, ao finalizar interpretaremos o himno galego de forma solemne. O 31, pola súa parte, faremos un concerto na praza ao aire libre, no que estarán presentes os pasodobres, a zarzuela, ritmos latinos bailables, e logo faremos, ao remate, un repertorio de cancións de pop e rock e adaptado aos tempos. Por último, o 2 de setembro terá lugar a XVII edición do Festival de Bandas no Auditorio, no que virá a Banda Filarmónica de Lugo de invitada para tocar con nós. Cada ano invitamos unha banda para facer un concerto compartido e aproveitamos para coñecer a outros músicos e outras agrupacións da provincia.

Cantas persoas da Banda de Música de Vilalba actuarán nestas festas?

A Banda de Música ten 50 membros de todas as idades, desde os 9 ata os 60 anos. Desas persoas, nas festas grandes do San Ramón adoitamos ser case todos, este ano por exemplo estaremos nas 40 persoas, aínda que noutros eventos como no nadal, adoitamos ser sobre 30. Á banda faille moita ilusión actuar nas festas, é unha tradición que se fixo ininterrompidamente e temos moita ilusión actuar diante da nosa xente que nos comparte felicidade, por iso é que nos presta compartir o que facemos con todo o pobo.