Skip to main content
Mondoñedo

CCOO denuncia falta de persoal na residencia de maiores San Rafael de Mondoñedo

Por 14 Setembro, 2023Setembro 15th, 2023Sin comentarios

Comisións Obreiras denuncia a falta de persoal na residencia de maiores San Rafael, en Mondoñedo, xestionada pola entidade Edad Dorada-Mensajeros de la Paz.

Segundo o sindicato, desde o mes de xuño están “baixo mínimos e isto provoca unha sobrecarga de traballo”. Como exemplo desta situación, hai quendas en que unicamente dúas xerocultoras deben atender 47 residentes.

A causa “é que Mensajeros de la Paz non está a substituír as persoas que se atopan de baixa nin tampouco as que gozan das súas vacacións”. Alén disto, o centro non conta co persoal de enfermaría obrigatorio que esixe a normativa, pois só unha persoa traballa de luns a venres, en horario de mañá, quedando a descuberto as restantes quendas.

A falta de persoal obriga as empregadas e empregados do centro a asumiren máis traballo e a se expoñeren a máis riscos laborais, tanto físicos como psicosociais, provocando o que se coñece como síndrome do traballador ou traballadora queimada.

Comisións puxo esta situación en coñecemento da empresa e mais da Consellaría de Política Social que ten as funcións de inspección destes centros, “dando ambas as dúas a calada por resposta”.