Skip to main content
Viveiro

O PP de Viveiro pregunta ao Goberno local sobre a asignación de horas de atención a dependentes

Por 18 Setembro, 2023Sin comentarios

Mariña Gueimunde asegura que “para o PP de Viveiro os servizos sociais son unha prioridade” porque “o máis importante son os nosos veciños e veciñas”. É por iso polo que considera “indignante” que o goberno local non xestione debidamente o servizo de axuda no fogar a persoas dependentes tendo en conta que “a pesar de que o Concello de Viveiro dispón de horas subvencionadas pola Xunta, non as asigna a ningún usuario”.

A voceira popular explica que “o propio goberno local recoñece por escrito, en resposta a unha pregunta formulada polo Grupo Municipal Popular no pleno do pasado 6 de setembro, que no mes de xullo dispoñía de 677 horas sen asignar habendo un total de 107 usuarios xa valorados polos servizos técnicos da Xunta e en lista de espera para recibir este servizo”. Deles, 64 son de grao I, 42 de grao II e un de grao III (ou de gran dependencia, que precisa apoio constante e indispensable).

“Non é comprensible que haxa ningunha persoa dependente xa valorada que quede sen a prestación do servizo”, segundo Gueimunde que cre que “como mínimo, o goberno local debería utilizar todas as horas subvencionadas pola Xunta”.

Atendendo á resposta que o goberno do Concello dirixe ao Grupo Municipal Popular, a popular aclara que “minte cando di que o Concello financia o Servizo de Axuda no Fogar (SAF) de libre concorrencia na súa totalidade con fondos propios” porque tanto este coma o SAF de dependencia son servizos con sistema de co-pagamento, tal e como se recolle na ordenanza municipal e como saben de primeira man os usuarios que pagan unha porcentaxe determinada en función do IPREM (Indicador Público de Renda de Efectos Múltiples).

No caso do servizo de atención a persoas en situación de dependencia, o custo da hora da prestación do servizo para o Concello de Viveiro é de 16,04 euros, dos que 12 son aportados pola Xunta de Galicia. “Os 4,04 euros restantes son sufragados polo Concello, pero tamén polos usuarios en función da súa renda”.