Skip to main content
Xove

O PP esixe explicacións á Deputación para pasar a titularidade das vías provinciais ao Concello de Xove

Por 25 Setembro, 2023Sin comentarios

O Grupo Provincial Popular quere saber que decisión tomou Tomé con respecto ao protocolo asinado polo anterior presidente socialista, Darío Campos, e o alcalde de Xove, Demetrio Salgueiro de cara á mellora conxunta, a xestión e a entrega ao Concello de ata 10 estradas de titularidade provincial. Os populares queren saber se pensa cumprir o acordado ou non ou, incluso, se baralla calquera outra alternativa para resolver o problema do mal estado da rede viaria provincial no concello de Xove. O alcalde reiteroulle a Tomé nunha reunión en novembro do 2022 que o Concello continúa disposto a cumprir co acordado no protocolo ou a estudar outras fórmulas para recibir a titularidade das vías.

No momento da sinatura do protocolo, en xuño do 2018, ambas entidades recoñecían o mal estado da rede viaria provincial ao considerar de interese a súa reparación en aglomerado en quente, incluso mellorando anchos e curvas nos casos nos que para máis seguridade así se considere axeitado. Dende entón, o estado dalgunhas das estradas empeorou como é o caso da LU-P-2604 (Xove – Valcarría) que nunha curva se converteu nunha enorme fochanca.

Os populares lembran que “xa preguntamos no pleno de novembro do 2019 por este asunto sen que o presidente aclarase nada”. E, en maio do 2020, cando o Grupo Provincial do PP pedía o cumprimento do protocolo, “tanto PSOE coma BNG votaron en contra”.

O portavoz, Antonio Ameijide, non entende que “o bigoberno da Deputación se negue aceptar a proposta do Concello de Xove de pasarlle a titularidade das vías provinciais que está disposta a asumir, tendo en conta que sempre se están queixando de que teñen que xestionar a rede de estradas máis extensa de España. Desta forma reduciría o número de quilómetros aos que atender”.

INSTALACIÓNS DEPORTIVAS

Os populares tamén preguntarán cando ten previsto o goberno provincial dar solución ás deficiencias do Pazo dos Deportes, logo das peticións de dimisión do vicepresidente da Deputación, a polémica e o hartazgo dos afeccionados ao baloncesto en Lugo. E, igualmente, pedirán explicacións pola tardanza do bigoberno provincial en poñer a disposición dos usuarios os seus anexos, máis coñecidos como ‘Pacito’, que está a supoñer “complicacións para os equipos infantil e xuvenil que en pleno outono van ter que adestrar nas pistas exteriores ao aire libre e á chuvia”.

A ACB (Asociación de Clubs de Baloncesto) ten advertido ao Club Baloncesto Breogán en decembro do 2022 das deficiencias do Pazo Provincial dos Deportes de Lugo requirindo a súa solución na maior brevidade posible, pero a pesar de que os partidos da competición oficial remataron o 14 de maio, os traballos de colocación da cadeiras aínda comezaron o 1 de setembro cun prazo de execución de tres meses. É por iso polo que Ameijide condena a “falta de previsión” do bigoberno provincial que puido ter renovado as cadeiras durante o verán sen afectar á competición e evitando posibles multas aos clubs.

O PP advirte doutras deficiencias que se require solucionar coma as goteiras e os problemas de climatización desta instalación.

Tamén lembran que os anexos “levan anos soportando numerosos inconvenientes, como problemas co chan, humidades, goteiras, non ter vestiarios, frío… Mentres os diferentes gobernos provinciais de PSOE e BNG sempre optaron por mirar cara outro lado ou por facer promesas, sabendo de que non as ían a cumprir”.

Nese sentido, piden explicación sobre a colocación do chan dos anexos e queren saber cando se arranxarán as deficiencias no pavimento de acceso e aparcamentos e cando poderán dispoñer os usuarios dos anexos de vestiarios ou acceder aos do Pazo para poder mudar de roupa e asearse despois de adestramentos ou competicións.