Skip to main content
Lugo

Iria Castro visita as escavacións na Roda de Adai

Por 8 Setembro, 2023Sin comentarios

A deputada de Cultura Iria Castro achegouse este mediodía ata Castrillón, en Adai, no concello de Lugo, para coñecer de primeira man os traballos de escavación realizados no círculo lítico polo equipo arqueolóxico coordinado pola profesora de Historia da USC Pilar Prieto e financiado polos grupos de investigación EcoPast e Síncrisis.

A responsábel de Cultura interesouse polas tarefas que desenvolveron nas dúas últimas semanas para ampliar o coñecemento sobre o xacemento, ao que se atribúe un uso cerimonial ou funerario, e polas vías para dar
continuidade e ampliar a investigación.

O equipo investigador desenvolveu onte á tarde unha visita guiada na que explicou ao público asistente o traballo realizado.

A USC principia na parroquia de Adai, moi próxima á cidade de Lugo, os traballos de escavación do Castrillón, un xacemento descuberto no século pasado e de gran valor patrimonial, que agora pode ser explorado grazas á autorización da veciñanza a través da Comunidade de Montes.

A investigadora Pilar Prieto, membro do Grupo EcoPast e do Centro Interdisciplinar das Paisaxes Atlánticas (CISPAC), dirixe esta intervención arqueolóxica que conta coa colaboración da empresa Tempos Arqueólogos e con financiamento dos grupos de investigación EcoPast e Síncrisis da USC, e que pon o foco na exploración do círculo lítico ou ‘roda’ existente no lugar. O obxectivo deste primeiro ano de traballos é identificar as fases de construción, uso e abandono deste recinto duns 53 metros de diámetro que conserva en superficie un parapeto e un foxo e alcanza unha superficie de 2100 m2. As primeiras xornadas da intervención permitiron descubrir o muro do parapeto feito en grandes pezas de granito, algúns fragmentos de cerámica prehistórica e un par de moas fixas ou pedras dormentes de muíño.

É o oitavo xacemento desta modalidade que se escava en Galicia, e que amosa unha nova tipoloxía cuxa interpretación non está completamente definida e permanece aberta á investigación. O equipo arqueolóxico apunta que poderían ser recintos cerimoniais, mesmo para enterramentos, seguindo costumes ancestrais procedentes de Centro Europa, o que permitiría completar baleiros existentes neste ámbito de investigación.