Skip to main content
Deportes RIBEIRASACRAXAMonforte

O alcalde de Monforte entregou varios agasallos ás participantes da xornada de fútbol feminino

A xornada de fútbol feminino deste sábado estivo presidida polo alcalde de Monforte, José Tomé Roca, acompañado polo Concelleiro de Deportes, José Manuel Mougán, na que o ADC Monteforte fixo os seus actos de presentación, nos que tamén había directivas de dito equipo monfortino de fútbol feminino.

Os actos consistiron na disputa dun triangular de partidos amistosos no que participaron, ademais do ADC Monteforte, o CD Lugo Feminino, e o Victoria FC de Santiago de Compostela nos campos municipais de A Pinguela e do Luis Bodegas.

O alcalde, antes dos partidos, fixo entrega a cada xogadora dos dous equipos, así coma corpo técnico, equipo directivo, e ao árbitro do encontro, dun libro, agasallo do Concello, titulado “Las diez mil hijas de Irene. Cien años de fútbol femenino en Galicia”, escrito polo xornalista coruñés Alexandre Centeno. Xunto co libro, tamén recibiron unha bolsa corporativa do Concello monfortino. José Tomé, tamén fixo entrega a cada unha das capitanas dos equipos participantes, dun trofeo conmemorativo coa Torre da Homenaxe de Monforte.

O triangular comezou coa celebración, dende as 16.30 horas, do encontro entre o CD Lugo Feminino e o Victoria FC A de Santiago de Compostela, no Campo municipal de A Pinguela, cuxo resultado final foi de 2 a 2, e nos penaltis impúxose o Lugo por 5 a 4.

Ás 19.00 horas tivo lugar o segundo dos encontros amistosos no Campo Municipal Luis Bodegas, coa disputa do partido entre as xogadoras do ADC Monteforte e o Victoria FC “C”. Neste segundo encontro, o resultado final foi de 1 a 4 favor do Victoria FC C.