Skip to main content
Bóveda

Os socialistas de Bóveda esixen ao goberno local que se recolla o lixo do municipio

O PSOE de Bóveda denuncia que o Concello leva 15 días sen facer a recollida de lixo no municipio, afirmando que os contedores están moi cheos, polo que urxen que se axilice o servizo para evitar os problemas e os prexuízos que esta situación lle provoca á veciñanza da localidade.

“Ademais, a principios de setembro estivemos de festa en Bóveda, polo que se xerou moito máis lixo tanto nas vivendas como nos establecementos hostaleiros, non se entende que non se estea facendo a recollida”, manifestan os socialistas.

Así mesmo, explican que segue facendo calor e a acumulación de residuos provoca malos cheiros, sobre todo no centro da vila: “Nalgúns sitios amoréanse as bolsas no chan porque non collen nos contedores e acaba o lixo ciscado”, engaden.

“Esta situación é unha mostra máis da deixadez que presenta este Goberno, traballando sen desgana e sen pensar nos problemas que teñen os nosos veciños e veciñas”, alertan dende a agrupación socialista de Bóveda.