Skip to main content
Monforte

Seguen en marcha os paseos en barca polo río Cabe de Monforte

Por 9 Setembro, 2023Sin comentarios

Seguen activos os paseos en barca polo río Cabe de Monforte, “unha actividade que conta con moita aceptación tanto entre os monfortinos e sobre todo, nas persoas que nos visitan durante estes meses de verán”, explica o alcalde, José Tomé.

Así, ata o vindeiro 30 de setembro, o río Cabe será escenario dunha interesante, divertida e refrescante proposta no verán da cidade, unha actividade que está organizada polo Concello de Monforte de Lemos coa colaboración da Deputación de Lugo e o Clube de Piragüismo Quixós.

O punto de inicio dos percorridos é o embarcadoiro do Parque dos Condes e cada paseo, dunha duración de media hora, custará 3,25 euros, como en anos anteriores.

Horarios e normas

Os paseos en barca terán lugar de luns a venres entre as 18.00 e as 22.0 horas, mentres que durante os sábados, os domingos e festivos incluirán, ademais dese horario de tarde, o horario de mañá de 11.00 a 14.00 horas.

Por outra banda, as persoas interesadas en subirse á barca terán que cumprir unhas normas de seguridade, que indican que a capacidade máxima das barcas será determinada polo encargado do servizo, os usuarios contarán con chalecos salvavidas, se son solicitados, e seguirase en todo momento as instrucións do persoal encargado da actividade.

Por último, o alcalde defendeu que “hai diversos aspectos que contribúen a que este evento sexa moi significativo dentro da actividades culturais de verán en Monforte: a súa relevancia na recuperación do río Cabe e o seu contorno como elemento patrimonial de primeira orde en Monforte, o seu papel de acontecemento dinamizador de actividade a carón do río e o fomento que a actividade supón para manter vivo en xeracións de todas as idades o amor pola rica tradición fluvial local en particular e galega en xeral”, concluíu Tomé.