Skip to main content
Monforte

O II Encontro de Palilleiras de Monforte terá lugar este sábado

O Concello de Monforte acolle este sábado, 2 de setembro, unha completa xornada dedicada á arte de palillar, baixo o nome de “II Encontro de Palilleiras de Monforte de Lemos, Capital da Ribeira Sacra”.

A segunda edición desta mostra, que o ano pasado supuxo un éxito tanto de participación de palilleiras como de público asistente, celebrarase en diversas carpas de grandes dimensións e localizadas na Explanada da Compañía, debido á asistencia de 400 palilleiras provenientes de toda Galicia e Madrid, e integradas en 30 grupos asociativos.

Este evento comezará a partir das 10.30 e ata as 19.00 horas, sendo inaugurada polo alcalde, José Tomé Roca, ás 12.00 horas e seguido da actuación do Grupo de Gaitas e do Grupo de Danza do Concello de Monforte e a entrega dun agasallo institucional ás mestras palilleiras presentes na mostra, que este ano son 33.

Ademais dos postos destinados ás 400 palilleiras que acudirán a este encontro, tamén se contará cunha zona específica destinada á venta exclusiva de produtos que se poidan utilizar na arte de palillar, conformada por diversas tendas especializadas.

Este II Encontro de Palilleiras en Monforte é posible gracias ao traballo conxunto desenvolvido polo Concello monfortino e pola Asociación de Palilleiras Ribeira Sacra, e o obxectivo é amosar e pór en valor a arte de palillar.

Neste proxecto, traballouse dende o ano 2020, ano no que estaba ultimada a súa celebración, que finalmente non foi posible celebrar pola incidencia da pandemia que obrigou a pospoñelo ata o pasado ano 2022, e que ten continuidade no programa do Verán Cultural do Concello deste ano 2023.

Por outra parte, as localidades galegas de procedencia das palilleiras protagonistas deste encontro son Arteixo, Vigo, Lugo, Ourense, Boiro, Betanzos, Oleiros, A Coruña, Sarria, Silleda, Valga, Cambados, Vilanova de Arousa, Viveiro, Burela, Xove, Redondela, Vimianzo ou Camariñas, así como de Monforte de Lemos. Tamén virán palilleiras provintes de Madrid.

Monforte e o encontro palillar

A escolla de Monforte para ser a sede deste encontro veu motivada pola alta demanda de moitas palilleiras que pedían celebrar un encontro en Monforte. Do mesmo xeito, tamén se tivo en conta a repercusión mediática que ten Monforte de Lemos, como capital da Ribeira Sacra, e a propia Ribeira Sacra, dentro e fora de Galicia.

Dende o Concello agárdase que o encontro volva a ser novamente ser un éxito de participación y de público, e que ademais vai xerar un importante impacto económico na cidade.

O Concello instalará diversos postos ubicados en carpas de grandes dimensións, para que as participantes e as asociacións de palilleiras desenvolvan comodamente a súa arte de palillar e poidan amosar os seus traballos ó público asistente. Tamén se ubicará outra zona comercial en diversas haimas, destinada a comerciantes provintes de toda Galicia que venderán exclusivamente produtos para palillar, e que soen estar presentes en todo este tipo de encontros.

O Concello fará entrega dun agasallo ás mestras palilleiras que participarán no encontro, e dende a Asociación de Palilleiras Ribeira Sacra tamén se levou a cabo a elaboración dun detalle conmemorativo do encontro, un alfineteiro de liño decorado cunha liña de encaixe de bolillos, que será entregado a cada participante.