Skip to main content
Monforte

Os paseos en barca polo río Cabe terán un horario diferente ao de verán no mes de setembro

Por 2 Setembro, 2023Setembro 3rd, 2023Sin comentarios

Cambian os horarios dos Paseos en Barca polo río Cabe do Concello de Monforte co cambio de mes. Así, durante o mes de setembro poderán seguir alugándose barcas de paseo no embarcadoiro do Parque dos Condes, de luns a domingo.

Así, de luns a venres poderán alugarse de 17.00 a 21.00 horas, mentres que os sábados, domingos e festivos poderase facer desde as 11.00 ás 14.00 horas pola mañá e de 17.00 a 21.00 horas polas tardes. Cada paseo, dunha duración de media hora, custa 3,25 euros.

Os Paseos en Barca foron, nos meses de xullo e agosto, un grande foco de atracción para a poboación monfortina e para os milleiros de persoas que visitaron a cidade nesta época estival.

Hai diversos aspectos que contribúen a que este evento sexa moi significativo: a súa relevancia na recuperación do río Cabe e o seu contorno como elemento patrimonial de primeira orde en Monforte, o seu papel de acontecemento dinamizador de actividade a carón do río e o fomento que a actividade supón para manter vivo en xeracións de todas as idades o amor pola rica tradición fluvial local en particular e galega en xeral. E tamén é unha actividade que fomenta o deporte, ao ser os propios usuarios os que exercen de remeiros nas barcas.

A actividade Paseos en Barca polo Río Cabe está organizada polo Concello de Monforte de Lemos en colaboración co Clube de Piragüismo Quixós. Contan tamén co apoio da Deputación de Lugo a través do Plan Único de Cooperación cos Concellos.