Skip to main content
Monforte

A creación dun parque para mascotas, a solución do BNG de Monforte para os problemas entre a veciñanza

O BNG de Monforte di reafirmar o seu compromiso coa creación dun parque para mascotas en resposta aos problemas recorrentes nos parques de Covas e a zona C para satisfacer as necesidades dos donos de mascotas e evitar posibles conflitos con aqueles que poidan sentir incomodidade coa presenza de animais neses espazos.

Os nacionalistas de Monforte lembran que esta solución xa foi presentada no pleno durante a lexislatura anterior, e que o alcalde rexeitou argumentando que a localización do parque para mascotas era un tema polémico. O BNG salienta que gobernar implica tomar decisións difíciles que non sempre son populares para todos. “Se tivésemos a oportunidade de gobernar, o parque xa estaría en funcionamento. Confiariamos nas recomendacións dos técnicos do concello e, se fose necesario, considerariamos a posibilidade de crear máis dun parque”, afirmou Emilio Sánchez.

Toda esta problemática viuse incrementada polos recentes avisos da policía local aos propietarios de mascotas que frecuentan os parques da vila de que poderían ser sancionados por ceibar aos seus cans e deixalos saír das zonas de paso, aínda que vaian con correa.

O Concello xustifica estas advertencias de sanción, nas queixas dos veciños, pero desde o BNG din que esquecen ás reiteradas peticións de espazos habilitados para o libre lecer de mascotas e os seus propietarios.